O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, viaxaron esta semana a Qormi (Malta) para participar no segundo encontro de traballo do proxecto europeo que lidera o concello galego ‘As voces europeas contra o euroescepticismo’. Nas xornadas, que se celebraron dende o día 13 ata o 16, Ramón Tojo volveu insistir na necesidade de incrementar estes intercambio de ideas e proxectos entre cidadáns de diferentes países para seguir creando “lazos de unión entre a cidadanía e os pobos para seguir construíndo un futuro mellor do que todos sairemos beneficiados”.

Neste encontro participaron autoridades políticas italianas como o ministro Owen Bonnici, o presidente Rexión Sur de Malta, Jesmond Aquilina, e a súa vicepresidenta, Maria Sara Vella; a comisaria europea en Malta, Elena Grech, e o alcalde de Qrendi, David M. Schembri, entre outros. Unha presenza que Ramón Tojo agradeceu no seu discurso de inauguración e que “demostra o interese por seguir construíndo xunta a Europa do futuro”, explico o alcalde de Rois.

Os participantes seguiron afondando na busca de medidas que erradiquen o euroescepticismo que axuden a evitar os enfrontamentos entre diferentes pobos e seguir construíndo unha Europa social que beneficie a todos os habitantes. “Ao igual que ocorreu como Camiño de Santiago, a Unión Europea, tal como a coñecemos hoxe, construíuse grazas ao traballo, a constancia e ao empezo de moitas persoas para lograr xuntos un futuro que nos beneficia a todos”, afirmou o alcalde de Rois. 

Ao igual que xa fixera no primeiro encontro deste proxecto celebrado o pasado mes de novembro en Rois, no que participaron representantes dos 27 países da UE, Ramón Tojo volveu insistir en que desde que se comezou construír o que hoxe é a Unión Europea, hai pouco máis de medio século, “Europa viviu o seu maior período de paz, progreso e prosperidade que recordamos 300 millóns de habitantes”.

Ademais das xornadas de traballo, os participantes no encontro puideron coñecer un pouco máis da costume e cultura de Malta e visitar algúns dos lugares máis emblemáticos.

A comitiva que representou ao Concello de Rois nestas xornadas estivo formada polo alcalde, a concelleira de Cultura, a técnica municipal Inmaculada Seage e pola veciña Bárbara Bustelo, que exerceu tamén de intérprete, xa que o os debates celebráronse en inglés.

Proxecto financiado por Bruxelas

As voces europeas desafían o euroescepticismo’ foi a proposta presentada polo Concello de Rois e a única aprobada en Galicia pola Axencia Executiva no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural (Eacea), dentro da subacción Redes de Cidades. A de Rois figura entre as 40 propostas financiadas pola Comisión Europea das preto de 400 presentadas no programa Europa para a cidadanía.Contribuír a que os cidadáns comprendan mellor a Unión Europea, a súa historia e a súa diversidade, e lograr unha maior implicación e participación da cidadanía no futuro da UE, loitando contra o euroescepticismo, os populismos e a desinformación son algúns dos obxectivos que persegue o proxecto presentado polo Concello de Rois que foi aprobado pola Comisión Europea.

Na seguinte galería de imaxes podes ver un resumo do encontro europeo celebrado en Malta