
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, visitaron onte aos máis de 180 nenos e nenas que participan no Diververán, o programa promovido polo Concello de Rois para facilitarlle a conciliación laboral ás familias do municipio. O éxito desta iniciativa e tal que este ano, ademais de nenas e neno de Rois, tamén acoden menores dos concellos da contorna como Ames, Padrón ou Pontecesures.
Como en edicións anteriores, o Diververán de Rois realiza as actividades en dúas localidades. A gran maioría dos nenos e nenas de 3 a 13 anos participantes (uns 120) concéntranse no CPI dos Dices, en Rois, mentres que outros 60 xúntanse nas instalacións do colexio de Urdilde para participar nas actividades.

Onte, Ramón Tojo e Victoria Quiroga, acompañados do director do Diververán, Alejandro Conde, achegáronse ata a praia fluvial de Seira, onde os menores estaban realizando diferentes actividades. Alí entregáronlles unha mochila a cada unha das persoas participantes, que poderán utilizar para levar a merenda, roupa ou outras pertenzas.
Tras conversar uns minutos cas monitoras e monitores, e co alumnado, desprazáronse ata o colexio de Urdilde, para facerlle entrega tamén unha mochila a cada participante.
O Diververán de Rois, que comezou o día 4, desenvolverase ata finais de agosto en catro quendas de dúas semanas cada unha (en agosto celebrarase no colexio de Urdilde e nos polideportivos municipais). Nenas e nenos estanse a divertir coas actividades deportivas, culturais, xogos populares ou arte que desenvolven os monitores e monitoras.
O Concello quere agradecer publicamente aos centros educativos a cesión dos seus espazos para poder desenvolver o programa de conciliación. O Diververán está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través das axudas para a promoción da igualdade.











