Rois clausura o obradoiro de emprego sociosanitario-albanel

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiron esta mañá en Padrón á clausura do obradoiro de emprego Comarca do Sar 2022, no que se formaron vinte persoas desempregadas de Rois, Padrón e Dodro, nas especialidades de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e de atención sociosanitaria. Unha das alumnas traballadores deste obradoiro comezará a a traballar nun centro sociosanitario a semana que vén.

Durante o último ano, as dez persoas que se formaron en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización estiveron acondicionando a escola unitaria do Codeso, no lugar de Martelo (Ermedelo). No centro de día de Urdilde estivo facendo prácticas o alumnado de atención sociosanitaria.

No acto de clausura, Ramón Tojo destacou a importancia da colaboración entre os tres concellos da comarca para poñer en marcha “iniciativas como este obradoiro, os de xuventude en acción ou os programas integrados de emprego que axudan á nosa veciñanza” a formarse para atopar un traballo. “Temos que seguir unidos”, afirmou Ramón Tojo.

Pola súa banda, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, felicitou o profesorado e o alumnado polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que “agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”.

Nesta liña, lembrou que os participantes combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante doce meses, cun contrato en prácticas nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vencellada ás materias do obradoiro. “O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”, dixo.

Presidiu o acto o alcalde de Padrón, Anxo Arca, quen resaltou o “número de mulleres que participan neste obradoiro” e desexoulle “un gran futuro e moita sorte a todo o alumnado”.

O alcalde de Dodro, Xabier Castro, agradeceulle ao alumnado o seu traballo e a súa participación neste obradoiro e amosou a súa esperanza de que “todos e todas poidades atopar un emprego”.