O alcalde de Rois Ramón Tojo (3º pola esquerda) durante a súa intervención no acto de clausura do PIE

O Programa integrado de emprego (PIE) no que se estiveron formando 107 persoas desempregadas de Rois, Padrón, Dodro, Pontecesures, Rianxo e Valga volveu superar a taxa de inserción laboral que establece a Xunta de Galicia. Segudno se puxo de manifesto onte na clausura do PIE, o 40 por cento do alumnado asinou un contrato de traballo dende que comezou a súa formación a finais do ano pasado. A Consellería de Promoción do Emprego financiou con 250.000 euros este programa, que estivo coordinado polo Concello de Dodro.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, puxo en valor “a colaboración entre os concellos de Rois, Padrón e Dodro para poñer en marcha os PIE hai mais de oito anos, unha colaboración que agora se extendeu a Pontecesures, Rianxo e Valga”, dixo. Ramón Tojo destacou a alta taxa de inserción laboral deste programa integrado de emprego, “que nos permitirá seguir organizando este tipo de iniciativas que benefician á nosa veciñanza”. 

O alcalde destacou a implicación das empresas da comarca para ofrecerlle práctica laborais ao alumnado e facilitarlle a súa inserción ao mundo laboral. Tojo tamén lle recordou ao alumnado que poñer en marcha iniciativas propias e converterse en persoas autónomas é outra posibilidade, que algunha das persoas presentes xa puxo en marcha.

En primeira fila, representantes das empresas SIF Servicios, Ana Muñiz, Finsa e Cortizo

O secretario territorial da Xunta na Coruña, Severino Álvarez Monteserín, ao igual que o resto de alcaldes presentes na clausura, puxo en valor a colaboración tanto das empresas como dos seis concellos para mellorar a empregabilidade das 107 persoas participantes neste PIE. Severino Álvarez lembrou a implicación da Consellería de Promoción do Emprego, que financiou este programa con 250.000 euros, e ten en marcha oito programas integrados de emprego na comarca de Santiago.

Alumnado do PIE durante o acto de clausura

Para o representante da Xunta, este programas integrados de emprego teñen tres eixos fundamentais: favorecer a aprendizaxe de persoas desempregadas, mellorar a súa cualificación e permitirlle adquirir experiencia laboral grazas ás prácticas nas empresas colaboradoras, das que destacou a súa implicación. 

Os seis alcaldes agardan agora a que dende a Xunta se conceda un novo programa integrado de emprego para seguir facilitando a integración laboral da súa veciñanza. Neste senso, Severino Álvarez, anunciou “boas novas” para un futuro próximo.Os alcaldes de Dodro, Rois, Rianxo e Valga presentes no acto tamén destacaron a colaboración entre os diferentes concellos para desenvolver esta iniciativa. A alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, agradeceu “a xenerosidade e a predisposición dos concellos de Padrón, Rois e Dodro” (que desenvolveron as seis primeiras edición destes PIE) para que esta formación beneficie tamén á veciñanza dos outros tres municipios participantes.

Alumnado do PIE durante o acto de clausura