Asistentes á inauguración da exposición 150 anos de ferrocarril en Galicia

Concello de Rois inaugurou este venres, 4 de outubro, no edificio multiúsos a exposición que conmemora os 150 anos da primeira liña ferroviaria de Galicia entre Cornes e Carril. A mostra, que inclúe paneis explicativos, fotografías e diversos obxectos vencellados a esta efeméride, poderá visitarse de balde durante todo o mes.

Numeroso público se deu cita no auditorio de Rois para seguir a pormenorizada explicación da exposición que ofreceu Carlos Abellán, comisario da mostra e presidente da Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril, quen fixo un percorrido polos 23 paneis que se poden ver agora no edificio multiúsos de Rois.

Partindo da estrea da primeira liña ferroviaria galega o 15 de setembro de 1873 entre o que hoxe en día son os concellos de Santiago e de Vilagarcía, a mostra, tal e como contou Carlos Abellán, explica o seu desenvolvemento cronolóxico, dende os proxectos que culminaron coa chegada do tren a Galicia ata un horizonte futuro no que se prevé a continuidade da liña ata o aeroporto de Lavacolla ou a unión con Portugal cunha vía única.

Paneis e fotografías permiten facer un itinerario de máis de 150 anos no que o público que se achegue ata o multiúsos poderá seguir, ademais doutros aspectos, os cambios que se foron sucedendo na liña ao longo do tempo, co desenvolvemento de novas enerxías e locomotoras, ou coñecer as persoas que a impulsaron, como John Trulock, avó do Nobel padronés Camilo José Cela, quen se desprazou dende Inglaterra a Iria Flavia para facerse cargo da xerencia da compañía The West Galicia Railway, propietaria da liña.

Os concelleiros José Luis Ares e Manolo Cobas acompañaron a Carlos Abellán na presentación. Lucía Rabuñal, alumna da Escola de Música de Rois, pechou o acto coa interpretación de tres coñecidas cancións vencelladas ao ferrocarril, que foron coreadas polos asistentes.

A exposición ‘150 anos da chegada do ferrocarril a Galicia. Cornes-Carril 1873’ chega a Rois logo de pasar por Santiago, Vilagarcía, Padrón ou Catoira. Con entrada gratuíta, estará aberta no multiúsos ata o 30 de outubro todas as tardes entre semana de 17.00 a 20.00 horas e tamén nas mañás dos luns, dos mércores e dos venres de 10.00 a 13.00 horas.