O Pazo de Raxoi acolleu hoxe o acto de sinatura do convenio de colaboración entre nove concellos, entre eles Rois, para a delimitación do itinerario cultural a Compostela da ría de Muros-Noia. O acordo foi subscrito por lo alcalde en función de Rois, Manuel dos Santos, xunto cos alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son e Rois.
Na sinatura do convenio participaron os alcaldes e alcaldesas de Ames, José Miñones; Brión, José Luis García; Lousame, Teresa Villaverde; Muros, María Xosé Alfonso Torres; Noia, Santiago Freire; Outes, María Beatriz Molinos; Porto do Son, Luis Oujo; e Santiago, Martiño Noriega; ademáis do alcalde en función de Rois, Manuel Dos Santos. Ao acto tamén asistiron concelleiros e concelleiras dos diferentes municipios.
O convenio asinado hoxe ten como obxectivo regular a colaboración entre os concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago na elaboración da proposta de delimitación do itinerario cultural a Santiago da ría de Muros-Noia e, en particular, a contratación da asistencia técnica para realizar estes traballos. Para a súa licitación establécese un orzamento máximo de 18.148,79 euros, IVE incluído, que será achegado proporcionalmente por todos os concellos, en función dos quilómetros de trazado de camiño en cada un deles.
O convenio tamén designa ao Concello de Lousame como representante da agrupación de Concellos e responsable técnico e administrativo da súa xestión, de xeito que se encargará de contratar a asistencia técnica e de establecer as interlocucións que sexan precisas con outras administracións, nomeadamente coa Xunta de Galicia.
Recoñecemento como ruta histórica
O obxectivo dos nove concellos é que este itinerario sexa recoñecido primeiro como ruta histórica, e posteriormente obteña a declaración oficial de Camiño de Santiago. Para iso, xa se ten avanzado na recompilación de diferente documentación histórica, grazas ao financiamento da Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia. O estudo elaborado, tal e como lembrou a alcaldesa de Lousame, sinala que “hai unha base sólida para demostrar a historicidade deste itinerario de peregrinación, se ben será previsiblemente nas próximas semanas cando teñamos o informe completo”. Agora, apuntou Teresa Villaverde, “realizarase un traballo de campo intensivo para determinar a delimitación do trazado definitivo, e facerlle chegar as conclusións á dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia”.
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, aproveitou o acto para agradecer a colaboración de todos os concellos “con independencia de cores políticas, para participar nun proxecto que afrontamos con ilusión no horizonte do Xacobeo de 2021”. Segundo explicou, “estamos convencidos e convencidas de que a ruta da ría de Muros-Noia é merecente de recibir o recoñecemento como Camiño de Santiago, se ben será a Xunta de Galicia quen teña a última palabra ao respecto”.