A oitava edición dos Premios Youtubeiras+ celebrará a súa gala final o próximo sábado 1 de febreiro, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura de Narón. Este certame, que busca fomentar a creación de contidos dixitais en galego, é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística de máis dunha ducia de entidades públicas, incluíndo o Concello de Rois, co apoio das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña.
Youtubeiras+ é unha iniciativa de dinamización lingüística que naceu no ano 2017, no marco do IX Curso de Verán de Dinamización Lingüística Traballando en Lingua, organizado pola Universidade da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dedicado á mocidade. Desde entón, paseniño fóronse sumando diferentes entidades coa vontade de promover e impulsar o uso do idioma galego e a creación de contidos na Rede.
Na actualidade, forman parte deste proxecto máis dunha ducia de organismos públicos: os concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
Baixo o lema Fachenda ao cadrado, a edición deste ano rexistrou unha participación récord, con 89 canles inscritas (49 de YouTube e 40 de TikTok) e máis de 19.000 minutos de contidos en galego publicados entre novembro de 2023 e novembro de 2024. Un total de 20 finalistas competirán nas sete categorías establecidas, que reparten 7.500 euros en premios.
A gala, presentada polo artista Javi Sánchez (Meiga-i), contará coa actuación do grupo De Ninghures e ofrecerá un espazo de reflexión arredor da lingua galega e a creación dixital.
A asistencia ao evento será de balde, pero é necesario retirar previamente os convites no Pazo da Cultura de Narón, chamando ao teléfono 981 102 897 de luns a sábado en horario de 9.30 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas, ou enviando un correo a taquilla.pazo@naron.gal.