Grupo de mozas e mozos de Xeorxia e Venecia que visitan Rois

Un grupo de corenta mozas e mozos procedentes de Xeorxia e Venecia participaron este mércores, 14 de xaneiro, nunha xornada de convivencia vencellada ao intercambio xuvenil internacional que lle dá continuidade ás viaxes realizadas por mocidade de Rois a estes destinos durante o pasado verán.

Durante unha semana, o grupo visitante coñecerá distintos puntos da xeografía galega, así como a nosa realidade cultural, social e institucional. No marco deste programa, o martes foi recibido no Parlamento de Galicia polo deputado Ángel Conde, un encontro no que participou o concelleiro roisense Manolo Cobas.

A xornada de hoxe, na comarca do Sar, iniciouse no auditorio do Multiúsos de Rois coa recepción oficial dunha delegación municipal encabezada polo alcalde, Ramón Tojo, e da que tamén formaban parte os concelleiros Mercedes Basante, Victoria Quiroga e Manolo Cobas. A continuación, o grupo desprazouse a Sorribas para coñecer as instalacións e o traballo da asociación de persoas con discapacidade intelectural AMIPA e visitou tamén o Campus Tecnolóxico de Cortizo.

O programa tivo maior protagonismo cultural pola tarde, cando o grupo visitou a Casa de Rosalía de Castro, achegándose á figura da nosa escritora máis universal, e tivo oportunidade de gozar da música tradicional galega coa actuación da agrupación de cantareiras das Amas de Casa de Rois. A convivencia pechouse cunha degustación de chocolate con churros.

A visita a Galicia deste grupo de mozas e mozos responde á segunda fase do intercambio xuvenil que levou a mocidade de Rois, Tordoia e A Laracha a coñecer Xeorxia e Venecia o pasado verán.  Entre os días 24 de xuño e 1 de xullo, rapazas e rapaces de Rois viaxaron a Venecia grazas a un intercambio coa escola técnica profesional IIS Vendramin Corner, mentres que entre o 8 e o 15 de xullo desprazáronse a Xeorxia, convidados polo centro de lengua e cultura españolas Abanico. No transcurso destas estadías, as delegacións roisenses participaron en distintas actividades educativas e culturais, realizaron excursións e reforzaron os seus vínculos con grupos doutros países.

O Concello de Rois mantén dende hai varios anos unha aposta continuada polos intercambios internacionais co obxectivo de enriquecer a formación da mocidade do municipio e impulsar o diálogo intercultural. Ademais destes programas xuvenís, promove tamén intercambios a través da Escola Municipal de Música, como o realizado en abril do pasado ano coa Academia de Música da localidade portuguesa de Santo André, así como outros encontros celebrados en anos anteriores en países como Letonia ou Italia.