Mozas e mozos de Rois de entre 18 e 30 anos poderán viaxar a Venecia este verán para participar nun intercambio con outra xente nova da escola técnica profesional IIS Vendramin Corner, por mor dun acordo de cooperación asinado neste mes de maio polo alcalde, Ramón Tojo, e o director da escola veneciana, Michelangelo Lamonica.
Desenvolver competencias, habilidades e destrezas vencelladas á empregabilidade, a solidariedade e a cidadanía activa será o obxectivo desta colaboración entre a mocidade roisense e a veneciana. Ademais, durante a súa estancia en Venecia a rapazada de Rois poderá realizar excursións para coñecer a cidade e a súa contorna.
O acordo bilateral entre Rois e a Escuola Polo Técnico Professionale IIS Vendramin Corner dálles continuidade ás diversas accións de intercambio intercultural que Rois vén promovendo nos últimos anos, entre elas as viaxes da Escola de Música Municipal a Italia ou Letonia, a participación no programa Europe for citizen grazas ao proxecto ‘Voces europeas desafían o euroescepticismo’ ou os campamentos internacionais de verán no Castro Lupario.
En virtude do convenio de colaboración con Venecia, a delegación de Rois viaxará a Italia do 24 ao 31 de agosto e acepta o compromiso de recibir a mozas e mozos do IIS Vendramin Corner a finais deste ano ou a principios do próximo.
O Concello de Rois dará a coñecer nos vindeiros días o programa do intercambio, así como os requisitos de inscrición.