Reflexionar e traballar de xeito colectivo para erradicar a violencia de xénero en Rois. Con esta filosofía constituíase onte en Rois a Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, que preside Mercedes Basante. “Debemos traballar de forma conxunta. Non queremos máis mulleres que sufran violencia ou discriminación”, aseguraba a concelleira de Servizos Sociais de Rois na apertura do acto.
Esta Mesa ten como finalidade coordinar as intervencións que axuden ás mulleres victimas de violencia de xénero, así como a realizar accións destinadas á formación, información, sensibilización, elaboración e difusión de materiais. Na mesma están representados os tres grupos políticos municipais, persoal dos departamentos de Servizos Sociais e Cultura, da unidade Viogen da Garda Civil, do CIM e do GES Terras de Iria, e de empresas, asociacións veciñais e dos tres centros educativos do municipio.
A Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero está presidida pola concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, exercendo a secretaría a educadora familia do Concello, Uxía Pérez. Reunirase semestralmente, quedando fixada a vindeira xuntanza para a primeira quincena de xuño. Neste período vai realizar varias accións formativas dirixidas ás persoas que forman parte da mesma, coa finalidade de unificar criterios que sirvan para detectar posibles situacións de violencia de xénero e establecer protocolos de actuación.
A xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Judit Fontenla, que asistiu á reunión de onte en representación da Xunta, dixo que a de Rois súmase ás 88 mesas de coordinación institucional que hai en Galicia. Fontenla engadiu que actualmente hai 224 entidades adheridas á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
Integrantes da mesa
A mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do Concello de Rois quedou onte constituída con representantes das seguintes entidades e colectivos: Mercedes Basante, como concelleira de Servizos Sociais, membros do grupo Viogen da Garda Civil, do CIM e do GES Terras de Iria, persoal de Servizos Sociais e de Cultura do Concello de Rois, PSdeG, BNG, Amipa, Fundiciones Souto, ANPA San Isidro do CPPI Os Dices, CEIPP O Pumar, Escola infantil A Galiña Azul, CD Rois, Canteira de Leroño, Serigrafía Díaz, Transportes Chaves e Asociación de Veciños Travadoiro.