
Un total de 120 persoas participaron o sábado 12 de setembro no XXI Día da Bici de Rois, unha cita que reuniu familias ao completo, rapazada dende os 2 anos e maiores de ata 83 para gozar do deporte e das paisaxes do municipio.
A xornada comezou cunha xincana para a cativada organizada polo Club Ciclistas Padronés Cortizo. A continuación, os ciclistas partiron do polideportivo de Rois para completar un percorrido de 11 quilómetros pola Pontenova, A Peruca, A Meana, Seaxe, de novo A Meana e Lamego. Tras o avituallamento na praia fluvial, regresaron por Seira, Oín e Antequeira para rematar de novo no polideportivo.

Mateo Ríos, de pouco máis de dous anos, recibiu o trofeo ao participante máis novo de mans do concelleiro Antonio Esparís. O padronés Mario Alfonsín, de 83 anos, recolleu o premio ao ciclista máis veterano, entregado polo exciclista Suso Blanco Villar, que tamén participou na marcha.
Ao remate sorteáronse numerosos agasallos. Xiana Salgueiro gañou o premio estrela, unha bicicleta de montaña que lle entregaron Esparís e Blanco Villar, mentres que Sonia Maquieira resultou agraciada cun xantar ou cea para dúas persoas no restaurante Pedra Santa. O Concello de Rois agradece o labor de Protección Civil de Rois e de Padrón, así como o apoio do Club Ciclista Padronés, Gadis, Supermercados Frois, Restaurante Pedra Santa e AdeMario Bike Services na organización desta xornada.

















