O concelleiro de Cultura de Rois, Martín del Río, presidiu hoxe a entrega de premios aos gañadores do Certame Artístico e Literario que organizou o Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas. No mesmo acto, os asistentes puideron ver o ‘Telexornal Antón Fraguas’realizado polo alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI dos Dices e tamén a curtametraxe ‘Manuela Romasanta’, do director Roberto Oliveira.
Andrea García foi a encarga de presentar o telexornal que cada ano prepara o alumnado do CPI dos Dices sobre a persoa homenaxeada o Día das Letras Galegas, este ano adicado a Antonio Fraguas. Dirixido polo profesor Luís Aldegunde, neste programa participou o alumnado de 3º de ESO realizando entrevistas a diferentes persoeiros, e o de 4º da ESO facendo a edición, presentación e realización do mesmo. O ‘Telexornal Antón Fraguas’ pódese ver neste enlace.
As reporteiras deste programa informativo foron Gaila Álvarez, Ana Bustelo, Nerea Fabeiro, Maruxa Gemperle, Ainhoa Loureiro, Iago Pérez, Lorena Picadizo, Laura Söñora, Laura Souto e Silvia Tarrío. As voces en off corresponden a Yolanda Domínguez e Alba Otero.
Neste informativo, duns 15 minutos de duración, contouse a vida e obra de Antonio Fraguas, e contextualizouse a figura do escritor e etnógrafo pontevedrés entrevistando a diferentes persoeiros, domo Díaz Fierros, González Reboredo, Clodio González, María Xosé Fernández ou Rosa Méndez, entre outros.
Gañadores do concurso artístico e literario
Tras ver o informativo, procedeuse a entrega dos premios do Certame Artístico e Literario, na modalidade de relato breve e poesía (pódese ver a relación completa e o nome dos traballos neste enlace).
Os galardóns na modalidade de narrativa leváronnos: Lourenzo Somoza Singh; Lois Carnota Maquieira, Breixo Rey, Antía Feáns Casal, Marcos Dios Almeida e María Dolores Frieiro.
Na modalidade de poesía, os premios foron para Cristina Aboy Espasandín, Ana Isabel Salvado; Carmen Vidal Bustelo, Bárbara Bustelo Blanco e Margarita Bustelo Ferreirós.
Na modalidade de debuxo, os gañadores foron Amelia Miguéns Castro, Xiao Miguéns Castro e un accésit para Marcos Iglesias Gómez.
‘Romasanta’
Antes de proceder a lectura dalgúns dos fragmentos gañadores e tomar un ‘café con letras’ mentres se repartían libros, Roberto Oliveira, percusionista e director da curtametraxe ‘Manuela Romasanta’, contou como fixo a investigación e a curtametraxe sobre o home lobo de Allariz, que en realidade era unha muller, da que Oliveira conseguiu a partida de nacemento.
O sábado, teatro en inglés
As actividades continuarán no edificio multiúsos de Rois o sábado pola mañá (11.00 horas) coa representación da obra de teatro en inglés “Míster Chef (Júnior)”, unha iniciativa da empresa Get Brit! financiada polo Concello de Rois.
Podes ver o album de fotos do acto no Facebook do Concello de Rois (neste enlace).