O Concello de Rois vén de dar a coñecer a programación cultural de Abril, mes dos libros que se desenvolverá do 21 ao 29 de abril co gallo da conmemoración do Día Internacional do Libro que se celebra o día 23 de abril. O programa, que conta coa colaboración das Anpas de Rois, contempla a presentación do libro de María Losada Vázquez no que a autora afonda sobre a problemática das persoas que padecen algún tipo de trastorno do espectro autista (TEA); unha xornada de difusión do acollemento familiar a través da cultura, un taller de manualidades para nenos e un obradoiro para a mocidade sobre habilidades e recursos dixitais para o emprego na Unión Europea.
Todas as actividades programadas levaranse a cabo no Edificio Multiúsos de Rois. Para poder participar nas actividades (agás na da presentación do libro) é preciso inscrición previa no enderezo electrónico inscricions@rois.gal. O prazo de anotación amplíase ata o mércores 26 de abril.
Abril, mes dos libros arrinca o 21 de abril coa presentación da obra El club de los neurodivergentes, de María Losada Vázquez, veciña do municipio. O libro narra a historia de cinco personaxes Julia, Leo, Manuel, Filipa e Eva, cun nexo en común: todos eles padecen algún tipo de trastorno do espectro autista. A través das súas vivencias, a obra somérxenos nunha historia que pretende explicar, do xeito máis realista posible, o que supón ter autismo. A presentación do libro terá lugar ás 19.00 horas, con acceso libre ata completar aforo.
Coa presentación da obra de María Losada o Concello de Rois súmase non só á conmemoración do Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril, senón tamén á do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo (2 de abril). No acto participará tamén Noela Vigo Sar, logopeda da asociación ASPERGA.
O venres 28 de abril desenvolverase o obradoiro Impulsa o teu futuro. Habilidades e recursos dixitais para o emprego na Unión Europea, en horario de 16.30 a 18.30 horas. O obradoiro está dirixido á mocidade de 18 a 30 anos e nel recibirán formación sobre o uso dos portais EURES e como sacarlle o mellor partido ao currículo Europass. Tamén se falará sobre as oportunidades que existen dentro da UE no eido das prácticas laborais e do emprego así como da importancia cada vez maior das habilidades dixitais. Aquelas persoas mozas que queiran participar no obradoiro deberán inscribirse previamente no enderezo electrónico e datas anteriormente sinaladas.
O sábado 29 de abril co Taller de Papelarte, a cargo de Pedras de Papel. Este taller está dirixido a nenas e a nenos a partir dos 7 anos. Para participar tamén deberán inscribirse no mesmo enderezo electrónico e nas mesmas xa citadas. No transcurso do taller, nenas e nenos aprenderán a facer en tres dimensións os seus personaxes favoritos empregando a imaxinación e algúns dos materiais que teñan na casa.
A programación de Abril, mes dos libros rematará o sábado 29 de abril, a partir das 17.00 horas, a Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo) levará a cabo unha Xornada de difusión do acollemento familiar a través da cultura, na que dará a coñecer a necesidade que teñen todas as nenas, nenos e adolescentes de vivir en familia e impulsar o acollemento familiar. O encontro está dirixido ás familias e ao público xeral que queira participar.
O programa da xornada visibilizará o acollemento familiar a través do teatro e da música coa representación do conto musicado Fogares de Cores de Iolanda Eiras. Tamén contempla unha charla coloquio con espazo de conciliación para os nenos e as nenas e unha merenda compartida. Para poder participar é preciso inscribirse previamente (inscricion@rois.gal), antes do 26 de abril.