O Edificio Multiúsos de Rois acolleu o martes 2 de outubro unha sesión formativa sobre compostaxe doméstica que contou coa asistencia de máis de 30 persoas. Durante o evento, os participantes aprenderon a transformar os seus residuos orgánicos en compost de maneira sinxela e eficiente.

Ao finalizar a formación, entregouse a cada asistente un kit completo de compostaxe, que incluía un manual, un composteiro e un aireador, para que poidan comezar a reciclar os residuos orgánicos nas súas propias vivendas.

O Concello de Rois agradece o interese da veciñanza e informa de que aínda é posible inscribirse na iniciativa a través da web https://rois.rsu.gal. As persoas que se anoten poderán recoller o seu kit no Edificio Multiúsos de Rois nos próximos días. Aínda quedan composteiros dispoñibles, pero as prazas son limitadas, polo que se recomenda realizar a inscrición canto antes.

O Concello tamén anuncia que levará a cabo un seguimento continuo durante o que queda de 2024 para asegurar que o proceso de compostaxe nas vivendas participantes se desenvolva correctamente.

Esta campaña está financiada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través da Unión Europea-NextGenerationEU.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 647 521 464 ou escribir ao correo electrónico residuos@rois.gal.