O grupo amesá Maianas achegouse onte ata a parroquia de Herbogo para presentar o seu novo disco, ‘De trisca!’, e inaugurar o programa ‘A cultura dispersa por Rois’, co que o Concello quere colaborar coa promoción da cultura popular polas parroquias nun verán atípico marcado pola pandemia da covid-19.
O tenente de alcalde, Manuel dos Santos, presentoulle este programa á veciñanza presente no campo da festa de Herbogo, que está a celebrar o San Pedro dun xeito diferente. Dos Santos destacou o apoio que dende o Concello de Rois se lle está dedicando á cultura, neste caso propoñendo actuacións por todas as parroquias durante este verán.
A primeira destas propostas foi o grupo Maianas, que chegaron a Rois cunha proposta fresca e nova, na que as pandeireteras e as voces das artistas complementáronse con outros instrumentos como a gaita, a guitarra e outras percusións.
Maianas, grupo de Ames formado por cinco mulleres, presentou en Herbogo temas propios festeiros e versións de cancións populares na presentación do seu novo traballo, ‘De trisca!’. Esta actuación enmárcase no programa da Rede Cultural da Deputación que solicitou o Concello de Rois.
Para cumprir coas normas sanitarias e evitar a propagación da covid-19, o Concello tomou todas as medidas necesarias, con acotamento do espazo, entradas e saídas diferenciadas, colocación de cadeiras e xel hidroalcólico para as setenta persoas que presenciaron o espectáculo. Dende o Concello agradecen a colaboración da comisión de festas de Herbogo, así como a de toda a veciñanza da parroquia.