José Veiga Gandarela, nado na parroquia de Cabanela (Urdilde) en 1919, celebrou este domingo o seu 102 aniversario. Por este motivo, recibiu un ano máis a visita do alcalde, Ramón Tojo, e do tenente alcalde, Manuel dos Santos, que lle fixeron entrega dun pequeno obsequio, como xa vén sendo tradición cada mes de xullo.
Os dous puideron comprobar o ben que se conserva José, que só toma unha pastilla para a tensión e percorre diariamente quilómetros polos seus predios. Tamén é un gran conversador. Gústalle moito falar dos seus anos de mocidade e lembra os tempos da Guerra Civil, na que, como militar, serviu de furriel e oficinista.
Posuídor dunha grande extensión de terreo agrícola e de monte, José Gandarela dirixiu unha granxa de vacuno modélica para o seu tempo e foi presidente da Cámara Agraria da Coruña a mediados do século pasado. Son moitas as anécdotas que atesoura de cando este cargo o levaba a facer numerosas viaxes a Madrid para defender o medio de vida de moitas familias da provincia.