José Vázquez Castaño, novo membro do club de centenarios de Rois

O veciño José Vázquez Castaño vén de incorporarse ao club de centenarios do Concello de Rois. Natural de Seira, José celebra este 7 de maio o seu 100 aniversario rodeado do cariño da súa familia, coa que convive na actualidade na parroquia de Infesta, onde casou e residiu gran parte da súa vida.

Home traballador e sempre vinculado á terra, dedicou toda a súa vida ás tarefas do campo. Na celebración deste día tan especial estivo acompañado do seu neto Francisco, co que convive xunto a súa muller e aos dous bisnetos e co que posa na fotografía conmemorativa.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, sumouse a esta celebración tan especial entregándolle varios agasallos institucionais: unha figura dun peregrino cunha dedicatoria personalizada, unha felicitación oficial e un doce para compartir en familia.

Con este xesto, o Goberno local quere recoñecer publicamente a traxectoria vital de José Vázquez e poñer en valor a memoria e experiencia das persoas maiores do municipio.