Alumnado e profesorado da Escola de Música Municipal de Rois e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima partiron esta mañá do aeroporto de Lavacolla cara Hungría no segundo intercambio internacional que promove e financia o Concello de Rois dende que asinara  o irmandamento con pobos doutros tres países europeos en novembro de 2017.  Ata o vindeiro martes, os participantes no intercambio poderán coñecer a música, as costumes e as principais institucións de Pasztó, unha localidade duns dez mil habitantes situada a oitenta quilómetros ao norte de Budapest, a capital de Hungría.

Despois de pasar a primeira noite en terras húngaras, a comitiva roisense, formada por 25 persoas, realizará o Venres Santo a primeira visita da viaxe á Área de Conservación da Natureza de Ipolytarnóci, unha reserva natural na que se pode apreciar a pegada xeográfica dun medio prehistórico que foi destruído pola erupción dun volcán fai 20 millóns de anos. O sábado coñecerán sitios emblemáticos da cidade de Budapest como a Cidadela, o Pazo de Buda, a Igrexa de Matías e o Bastión dos Pescadores, o Parlamento e a Praza dos Heroes, ampliando así os seus horizontes sobre a historia da capital de Hungría. 

O domingo de Pascua visitarán o pobo de Hollókóe o seu castelo. Neste mesmo municipio os integrantes da Escola Municipal de Música de Rois e o OCT Chorima ofrecerán o seu primeiro concerto nunha igrexa católica, onde compartirán un anaco da cultura galega co resto do mundo.

Nesta actuación, o grupo da Escola Municipal de Música de Rois interpretará ‘Quen poidera namorala’, ‘Lela’, ‘Can help falling in love’, ‘We are the Champions’, ‘Halleluhaj’ e ‘Imagine’. Pola súa banda, o repertorio dos membros de OCT Chorima estará composto polos temas ‘Estróueles’, ’Palabra de casamento’, ‘Eicho de dar’, ‘A Carrasquiña’, ‘Maneo de Xaviña’, ‘Cantar muiñeira e xota de Padreiro de Castriz’ e ‘Pasodoble de Mallou’.

Finalmente, o luns trasladaranse ata as cidades de Mezokövesd, Eger e Szurdokpüspökiunha, situadas ao norte de Hungría. Entre outras moitas actividades, na primeira urbe levarán a cabo ritos tradicionais húngaros da Pascua, mentres que no segundo poderán coñecer a praza  de Dobó e o castelo de Eger.