• Maléfica, ‘Bolso Chanel vermello’ e ‘Esto es todo, amigos’ foron os vencedores nas categorías individuais e de parella-trio

  • Asociacións do municipio ofreceron produtos típicos destas datas para que participantes e o público que enchou o polideportivo repuxeran forzas

 

Tribos indias, avoas marchosas que fan o que lles dá a gana e se converten en chicas yeyé, bolsos de Chanel, persoaxes televisivos como Maléfica ou Os Picapiedra, propostas para respectar o medio ambiente e fomentar a lectura ou aldeas modelos como a de Sanamede, que amosou a súa particular combinación de traballo e festa… Múltiples foron as propostas que onte tivo que avaliar o xurado do Concurso de Entroido que organizou o Concello de Rois, que este ano xuntou a máis comparsas e participantes de fora do municipio, para gozar dunha tarde na que o bo ambiente as ganas de pasalo ben, e compartir pratos típicos destas festas foron a tónica dunha festa que rematou coa música do dúo Calú.

20200222 AvoasMarchosas

A tribo dos Indios XXL, cos seus vistosos traxes, acabaron impoñéndose as avoas marchosas na categoría de comparsas de máis de 12 membros, mentres que a proposta da ‘Aldea modelo de Sanamede traballo e festa’ quedou en terceiro lugar. A petición para que coidemos os océanos que presentou “Debaixo do mar’ e ‘Pequena horta’ foron, por esta orde, os gañadores nas comparsas de categoría infantil de 4 a 12 membros, mentres que a recreación dos famosos Picapiedra ‘Yaba dabba doo’ cativaron máis ao xurado que os ‘Bombeiros de Rois’ na categoría de adultos. Once foron en total as comparsas que desfilaron no polideportivo dos Dices que que encheron as rúas de Rois dun vistoso colorido e moita música.

20200222 DebaixoDoMar

Nas categorías de trío e parellas, nas que tamén houbo 11 participantes, a particular representación da serie de debuxos animados ‘Esto es todo, amigos’ acabou impoñéndose a ‘Caca busca fogar’ e a ‘Material escolar’, que levaron o segundo e terceiro premio.

20200222 BolsoChanelVermello

Como todos os anos, as categorías individuais, tanto infantil como adulto, foi a que contou con máis afluencia: 32 participantes en total. Entre os menores de 12 anos, os gañadores foron, por esta orde: Maléfica, Arlequina, Noé e a súa arca, Flautista que atrae aos animais e O Goya de Benedicta. Nos maiores de 12 anos, os premios foron para Bolso Chanel vermello, Boneca de corda e Pepapiedra.

A afluencia de participantes e público encheu o polideportivo dos Dices, no que as diferentes asociacións que hai en Rois, dende as ANPAs, ata veciñais, de mulleres, culturais ou deportivas, ofreceron aos asistentes produtos típicos do Entroido e, como non, tamén algo de comida sa. As persoas presentes puideron degustar dende chourizos ao viño, ata orellas, filloas, chocolate e ata espetadas de froita, que desapareceron mentres o xurado facía a súa deliberación.

E tras a entrega de premios, o dúo Calú animou coa súa música unha festa facendo que algunhas das persoas asistentes se puxeran a bailar.

Album de fotos no Facebook do Concello de Rois. Ambiente e entrega de premios (neste enlace) e o desfile dos participantes do concurso (neste enlace)

20200222 AldeaSanamede