Rois mantense fiel as súas tradicións e hoxe celebrou as festas patronais cun xantar multitudinario, que xuntou a 700 persoas no polideportivo dos Dices. Todas elas foron testemuña da agarimosa homenaxe que se lle rendeu ás persoas centenarias do municipio e a Ramón e Clara Abalo, que recibiron emocionados o recoñecemento Santo Isidro Labrador pola súa dedicación ás camelias. A moza da Peruca María Losada Vázquez foi a encargada de ler o pregón e Victoriano Trenco Diz recolleu o premio como autor do cartel da festa. Mañá, a orquestra Charleston Big Band e La Mega CDC animarán a verbena no campo da festa a partir das 23.00 horas.

Ramón Abalo e Clara Abalo comezaron a súa relación coas camelias aló polo ano 1985, cando “meu pai trouxo unha planta de camelia da casa do seu avó”, dixo Clara. Unha afección que foi a máis dende mediados dos anos noventa, cando comezaron a mercar e plantar numerosas variedades de camelias ata chegar ás máis de 700 variedades que teñen tanto na súa casa como nunha finca de Oín, na Braña de Monte, algunhas delas especies únicas. Con elas preséntanse e gañan premios en numerosos concursos e certames. O último foi no mes de febreiro no concurso internacional de Pontevedra. “Sempre levamos o nome do noso concello a moita honra aló por onde imos”, dixo Clara Abalo
“A pesar do traballo que dan, as camelias son as flores da ilusión. Tamén son as flores da amizade, que unen persoas, lugares e países. Dannos momentos moi bos e moitas alegrías”, asegurou a homenaxeada.
O alcalde, Ramón Tojo, entregoulles a homenaxe Santo Isidro Labrador coa que o Concello de Rois recoñece o traballo e dedicación ao mundo da camelia de Ramón e Clara, axudando a dar a coñecer o nome do municipio alá por onde van.

Antes desta homenaxe pronunciou o pregón María Losada Vázquez, a moza da Peruca de 23 anos graduada en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago que o vindeiro mes de xuño presentará o seu segundo libro, El club de los neurodivergentes: más que todo.
“Sorprendida e feliz” por ser designada pregoeira, María Losada lembrou que Rois é o seu fogar. Naceu e segue vivindo na Peruca, na parroquia de Oín. “As persoas que máis quero e admiro viven aquí. Elas e os lugares deste concello inspíranme e ensínanme cada día, tanto para a forma na que vivo e me relaciono cos demais como para as miñas novelas”, afirmou.
Parte da historia que María Losada narra na súa primeira novela desenvólvese na aldea da Peruca, e o seu segundo libro está dedicado a varias persoas, “dúas delas veciñas de Rois”, asegurou.
Homenaxe ás persoas centenarias e xantar popular

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, deulle a benvida a todas as persoas asistentes e entregoulle a Victoriano Trenco Diz o premio por deseñar o cartel anunciador da festa deste ano. Tamén tivo palabras de recoñecemento para as persoas centenarias do municipio, José Veiga Gandarela (105 anos), Serafina Barbazán Neo (103), Josefina Lago Rey (102) e José Vázquez Castaño (100 anos). Unha fotografía de cada un no escenario serviu para renderlles unha emotiva homenaxe.
“Sempre estaremos en débeda cos nosos maiores, que tanto traballaron para deixarnos un legado que nos axudou a chegar ata aquí e que nós estamos obrigados a conservar e mellorar”, asegurou Ramón Tojo.
Ademais dos integrantes do goberno local e representantes da Corporación de Rois, nos actos oficiais do Santo Isidro tamén participaron o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño; a delegada territorial da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo; o alcaldes de Padrón, Anxo Arca; e Dodro, Xabier Castro; e a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino; o concelleiro de Teo Juan Jesús Cerqueiro, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.
As 700 persoas que asistiron no polideportivo dos Dices ao xantar popular puideron degustar empanada, polbo e carne o caldeiro servida por pulpería Veloso. Na sobremesa, pequenos e maiores puideron gozar con animadas conversas, cos xogos, cos inchables e coa música dúo Marema.
A festa comezou a primeira hora da mañá cos pasarrúas e alboradas do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima polas rúas de Urdilde e de Rois. Continuou coa misa solemne, cantada polo coro de Buxán, na que o alcalde e membros do goberno local sacaron en procesión á imaxe do patrón de RoisAs festas do Santo Isidro rematarán mañá cunha gran verbena no campo da festa de Rois, que estará amenizada pola orquestra padronesa Charleston Big Band e por La Mega CDC a partir das 23.00 horas. Haberá Punto Lila dende medianoite ata as tres da madrugada.


















