O alcalde de Rois, Ramón Tojo, entregou onte pola mañá os premios ás e aos gañadores do concurso de postais e do concurso de contos de Nadal que organizou o Concello.
No concurso de postais recibíronse 150 propostas dos diferentes centros educativos, o que representa un récord de participación. Anxo Fabeiro Domínguez, alumno de 3º de Infantil na Galiña Azul; Xiao Miguéns Castro, que cursa 5º de infantil no CPI Os Dices; Lía Seco Ares, estudante de 2º de primaria no CEIP O Pumar de Urdilde; Carla Becerra Vaamonde, alumna de 3º de primaria tamén no Pumar; e Uxía Fabeiro Vázquez, de 5º de primaria do mesmo centro, levaron os cinco premios do Concurso de Tarxetas de Nadal de Rois nas súas respectivas categorías. A imaxe de Lía Seco foi a elexida polo xurado como felicitación oficial do Concello, polo que a recibiron en todos os fogares de Rois.
Na entrega de premios, celebrada onte pola mañá no auditorio municipal do multiúsos, só estiveron presentes os gañadores e as súas familias. O resto de participantes recibirán o seu diploma cando comece o curso escolar.
Polo que respecta á primeira edición do concurso de contos de Nadal, recibiron premio os gañadores e gañadoras das seis categorías. Na modalidade escrita, en categoría C, o mellor conto foi o de Iara Rodríguez Osorio, que estuda 1º de Primaria no CPI Os Dices. Abril Souto Martínez, de 6º de Primaria, foi o gañador na categoría E.
Polo que respecta a modalidade oral, as aulas de 5º e 6º de educación Infantil do CEIP O Pumar de Urdilde foron as gañadoras ca categoría B. A aula de 2º de Primaria do colexio de Urdilde tamén gañou na categoría C. No colexio de Urdilde quedaron ademais os premios das outras dúas categorías, un deles para a aula de 4º de Primaria; e na categoría E, as gañadoras foron Rocío López, Nerea González e Sabela Becerra, que estudan sexto de Primaria en Urdilde.