20190729 ALI3244O pasamento da presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde causou unha fonda consternación en Rois. Lourdes Gómez Gómez faleceu o día de onte, domingo, aos 70 anos de idade, como consecuencia dun ictus cerebral que sufriu esta fin de semana. Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde dende a súa constitución en 1986, a primeira que se fundou en Galicia, Lourdes Gómez era unha persoa moi querida a apreciada en todo o municipio de Rois. O enterro celebrarase ás 19.00 horas de hoxe na igrexa parroquial de Urdilde.

Viúva dende hai 30 anos, Lourdes Gómez tiña dous fillos, que están a recibir numerosas mostras de condolencia no tanatorio de Urdilde, donde se atopan os restos mortais da finada. O funeral celebrarase ás sete da tarde de hoxe na igrexa de Urdilde, e seguidamente recibirá sepultura no cemiterio parroquial.

O alcalde, Ramón Tojo, trasladoulle á familia as condolencias en nome de toda a Corporación de Rois. Tamén dende a Asociación de Amas de Casa de Rois tiveron palabras de cariño para Lourdes Gómez durante o acto que celebraron onte, domingo, para conmemorar o seu 25 aniversario.

Lourdes Gómez Gómez foi unha das pregoeiras este ano da Festa do Santo Isidro Labrador, o patrón de Rois, xunto coa presidenta da Asociación de Amas de Casas e dunha representante da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo.

Na súa intervención, Lourdes Gómez recordou como en 1986 se constituía en Urdilde a primeira Asociación de Mulleres Rurais de Galicia, e unha das primeiras de España. Presidenta deste colectivo que hoxe agrupa a 150 mulleres, Lourdes Gómez recordaba no pregón como a asociación tivo a súa primeira sede na antiga escola de nenas de Urdilde e que “despois de moitas xestións e coas axudas recibidas” puideron rehabilitar a casa na que actualmente fan as súas actividades.

Para Lourdes Gómez a Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, e as asociacións de mulleres en xeral, son “un lugar de formación, onde as mulleres rurais —que son nais, amas de casa e traballadoras da terra—, teñen un lugar de encontro, un lugar onde formarse naqueles temas que máis lles gusta e onde compartir experiencias”, recordaba no pregón que deu na festa do Santo Isidro xunto con Maricarmen García Acosta e Vanessa Boullón Pérez.