Na aposta que fai o goberno municipal por fomentar a conciliación laboral das familias, o Concello de Rois acaba de crear o Bono Cultura Familia. Trátase dunhas novas axudas para que as familias empadroadas poidan sufragar parte dos gastos pola participación de menores nas actividades socioculturais puntuais que non estean xa incluídas na programación anual bonificada polo Concello. O campamento de verán en Valdoviño será a primeira actividade na que se poderá utilizar esta axuda.

O Bono Cultura Familia contempla axudas dun máximo de 150 euros anuais por menor, e aplicarase directamente no momento da inscrición da actividade, reducindo o prezo a pagar pola persoa beneficiaria. Poden solicitalo as familias empadroadas en Rois con fillos e fillas nados entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2023, como especifican as bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia o 8 de xuño.

A solicitude do Bono Cultura Familia debe facerse a través da sede electrónica do Concello, cubrindo a instancia xeral, á que se deberá adxuntar o formulario que figura adxunto a esta nova

Este programa de axudas destinarase exclusivamente a actividades socioculturais puntuais organizadas polo Concello para persoas físicas. Concretamente, están incluídos os cursos breves de carácter sociocultural, os obradoiros e talleres culturais, os campamentos socioculturais ou de fin de semana, as actividades puntuais de creación, interpretación e divulgación cultural (música, teatro, danza, artes plásticas, escrita creativa, patrimonio, lingua galega, etc.).

Quedan excluídas as actividades que xa figuran na programación anual do Concello con bonificación propia (programas por curso escolar xa bonificados), as excursións ou viaxes así como intercambio socioculturais e musicais. O Bono Cultura tampouco se poderá utilizar para comprar materiais de consumo (pinturas, instrumentos, libros) e para as actividades cun prezo inferior a 100 euros por persoa.