A señora María Sóñora Fontenla, veciña de Silvarredonda na parroquia de Buxán, faleceu onte, 23 de marzo, aos 104 anos, unha idade á que chegara o pasado día 7. O Concello de Rois trasladoulle á familia as súas condolencias e as de toda a veciñanza polo pasamento da que era a persoa máis lonxeva do municipio.
O Concello súmase así ao pesar polo falecemento desta muller senlleira, que recibira no ano 2018 a homenaxe ‘Toda unha vida’ polas festas do Santo Isidro, coincidindo co seu centenario. A cuarta de cinco irmáns, naceu en Cornes e vivía en Silvarredonda desde os 22 anos. A súa longa existencia permitiulle vivir os enormes cambios experimentados pola sociedade no último século. María Sóñora Fontenla sobrepúxose tamén aos momentos duros que a historia deparou nos últimos decenios, da gripe do 1918 á pandemia de covid de 2020, pasando pola Guerra civil e os difíciles tempos da posguerra.
Co seu marido Jesús Neo, María tivo dúas fillas e un fillo, tres netas, un neto e catro bisnetos. Dedicada á agricultura e cociñeira experimentada (no seu día gañou o concurso de empanadas do Santo Isidro cunha orixinal preparación a base de pichón), quen a coñeceu ben sabe do seu cariño, da súa atención e da súa curiosidade e ansia por aprender e estar sempre ao día do que ocorre no mundo.
O Concello de Rois quere enviarlle unha afectuosa aperta aos seus familiares ante a perda desta muller singular.