Lola Grela Romero, Antón Trenco Pérez, Lourenzo Somoza Singh e Rois Estévez Álvarez, integrantes do grupo infantil de Teatro Vacalouras, colleitaron onte unha sonora ovación do público que asistiu no auditorio municipal á estrea da obra de teatro E agora que?.
Como destacou a directora do grupo infantil, María Ordóñez, a representación supuxo un hito importante tendo en conta que “foron os propios actores os que escribiron e compuxeron a obra nas clases de teatro” que promove o Concello de Rois.
O alcalde, Ramón Tojo, agradeceu ao final da representación a iniciativa do grupo, e destacou a importancia que lle dá o Concello a apoiar o teatro e a cultura en Rois.
María Ordóñez recordoulle aos asistentes que en setembro retomaranse de novo as clases de teatro, e que tamén hai un grupo de adultos, animando a toda a veciñanza a apuntarse ás clases e a formar parte do grupo municipal de teatro.
Ao remate da función, o alcalde e a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, entregáronlle un diploma a cada intérprete e un ramo de flores á directora.