-
Pecharon o curso escolar 2019-20 con 27 actuacións a través da canle de Facebook do Concello que contou con numerosos seguidores
-
A maioría das actuacións foron en directo nunha retransmisión na que a profesora de chelo Elena Domínguez explicou os beneficios de estudar música
-
Hoxe actúa o alumnado adulto, que ofrecerá outro concerto virtual en Facebook a partir das 20.00 horas
A Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois ofreceu onte o seu primeiro concerto virtual co que o alumnado máis novo despediu o curso 2019-2020 con 27 actuacións, a maioría delas en directo. A iniciativa contou con numerosos seguidores na canle de Facebook do Concello de Rois. O vídeo do concerto pódese ver tamén na canle de Youtube de Concello de Rois (neste enlace).
A pandemia da covid-19 impediu que, como todos os anos, alumnado e profesorado da ESMU de Rois puidese ofrecer o tradicional concerto de fin de curso no que amosa o avance dos preto de setenta alumnos que reciben formación na escola dirixida por Manuel Villar.
A pesar do confinamento, a ESMU de Rois seguiu dando clases en liña e decidiron ofrecer dous concertos virtuais a través da canle de Facebook do Concello para despedir o curso. Onte, sábado, foi a quenda ao alumnado de menor idade. En total foron 27 actuacións, a maioría delas en rigoroso directo, coa que remataron este curso.
Durante o concerto, de cincuenta minutos de duración, a profesora de violonchelo Elena Domínguez foi presentando aos participantes, ao tempo que explicaba os beneficios que reporta estudar música.
Esta iniciativa pioneira en Rois contou cun grande respaldo dos seguidores da canle de Facebook do Concello, ao acumular máis de 500 reproducións aos poucos minutos de rematar o concerto.
Hoxe, domingo, actuará o alumnado adulto, noutro concerto virtual que tamén comezará ás 20.00 horas na canle de Facebook do Concello de Rois, e no que tamén haberá intervencións dalgún dos profesores, como é habitual todos os anos.