Premiados nos sorteos que se realizaron na charla sobre Benestar Animal impartida por Xea no auditorio de Rois

Numeroso público asistiu o venres pasado, 22 de marzo, a unha charla sobre animais domésticos e benestar animal impartida no auditorio municipal por un representante de Xea, a empresa que se encarga do rescate e do coidado dos animais abandonados no noso concello.

A charla, que destacou pola gran participación das persoas asistentes, comezou con nocións básicas sobre que son os animais de compañía para tratar logo sobre a nova Lei de Benestar Animal, norma á que se referiron tamén a maior parte das preguntas dun auditorio moi concienciado.

A xornada de sensibilización rematou con varios sorteos. Lydia Vázquez Insua, da parroquia de Augasantas, foi a gañadora da alimentación da súa mascota durante un ano, premio ao que optaban ás persoas empadroadas en Rois. Entre o resto do público sortearonse ademais distintos produtos doados por Agrobótica Urdilde, Agroesparís Comercial e Agronovo Rois.

A charla do auditorio reforzouse nos dous colexios de Rois con sesións didácticas sobre benestar animal que se realizaron o xoves nos Dices e o venres no Pumar, coa idea de concienciar os escolares sobre o coidado das mascotas.

O Concello de Rois quere agradecer a todas as casas colaboradoras e aos centros escolares o seu interese por educar no respecto dos animais e por dedicarlle espazo e tempo a este tipo de campañas.

Cabe subliñar que entre os meses de xaneiro e outubro do pasado ano 2023, o Concello de Rois gastou un total de 43.975 euros na recollida, manutención e gastos veterinarios dos animais de compañía abandonados no municipio. Recorda, polo tanto, que é misión de toda a veciñanza contribuír á erradicación do abandono de animais domésticos, na súa maioría cans e gatos, unha práctica cruel ademais de ilegal que supón un elevado custo para as arcas municipais.