A degustación en nove establecementos hostaleiros do ‘Caldo de gloria’ que cantara Rosalía no seu famoso poema foi un dos actos centrais programados polo Concello de Rois no día dedicado á gran poeta galega, coincidindo co 186 aniversario do seu nacemento. O mal tempo obrigou a adiar a ofrenda floral e a andaina escolar, os outros dous actos previstos neste 23 de febreiro. Continúa aberta a posibilidade de participar no concurso a través de Facebook co que o consistorio quere honrar a esta figura central das nosas letras.
Visitantes e veciñanza de Rois saborearon a moi rosaliana receita do ‘Caldo de gloria’ grazas a nove establecementos, que o repartiron entre a clientela acompañado de pan de millo (o bolo do pote do que fala Rosalía no seu poema), encargado polo consistorio roisense á Panificadora San José. Nos locais repartiuse entre a clientela un marcapáxinas editado polo Concello de Rois especialmente para esta data, e o caldo foi servido sobre manteis de papel conmemorativos elaborados pola Fundación Rosalía de Castro. Participaron na proposta Mesón A Casiña, Hotel Camiño do Mar e Taberna Venezuela (Urdilde); Taberna Casa Benjamín (Samil, Oín); Taberna Angueira (Augasantas); Café-bar Rafa (A Peruca, Seira); O Toxiño (Cornes, Rois); e O Pemento e Club de Golf Val de Rois (Seira).
O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, agradeceu o “grande esforzo feito polos hostaleiros do municipio para apoiar este día, que honra á nosa figura máis senlleira. O seu apoio fixo posible unha xornada que esperamos que perdure”. Para Tojo, “celebrar a Rosalía é celebrar o noso, a nosa cultura e a nosa forma de ser; e o caldo de gloria que ela describe no famoso poema representa perfectamente o noso espírito de superación e de cariño polo noso”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos, visitou pola mañá varios dos locais involucrados na degustación na parroquia de Urdilde, así como o Centro de Día. Neste lugar, a visita do tenente alcalde coincidiu co momento da comida e os usuarios do centro que dirixe María Vilas puideron probar o caldo de gloria como primeiro prato do menú diario. Segundo Manuel dos Santos, a iniciativa “tivo unha acollida fenomenal. Non pode haber mellor forma de celebrar a obra de Rosalía que introducíndoa no día a día da veciñanza. É incrible como a forza de Rosalía fai que sexa referente das persoas maiores pero tamén das crianzas, que cantan os seus poemas porque están plenamente vixentes”.
Adiadas a ofrenda floral e a andaina escolar
O mal tempo que deparou a xornada fixo que se adiase o acto máis formal da celebración do Día de Rosalía, a ofrenda floral, prevista para a mañá no edificio multiúsos. Tamén se reprogramará para outra data a andaina didáctica que levará a escolares do municipio polos lugares roisenses da ruta Rosalía nos camiños.
Si que segue a celebrarse ata o día 28, a través de Facebook, o concurso do Día de Rosalía. Para participar poden subirse a esta rede social vídeos, fotos, cancións, lecturas de poemas, reflexións ou calquera tipo de material que resalte a importancia da escritora para a cultura galega, acompañadas cos cancelos #DíadeRosalía (xenérico da celebración) e #RoisconRosalía (específico para o certame). Entre os participantes sortearase unha peneira artesanal realizada polo Centro Ocupacional Amipa. Ata agora xa se recibiron varias contribucións, con versos lidos diante do mural vexetal conmemorativo do multiúsos (obra de Camilo Seira) e outras achegas.
Rois, mecenas da Fundación Rosalía
Os actos do Día de Rosalía son unha acción que remarca a vinculación do Concello de Rois coa escritora máis importante das letras galegas. O Concello é mecenas da Fundación Rosalía de Castro; a través desta fórmula de colaboración, ao longo do ano ofrécense visitas guiadas adaptadas á idade ás entidades educativa do municipio e ás asociacións culturais, ademais de favorecer a promoción de Rois como territorio ligado indisolublemente á obra da poeta.
Preme no enlace para ver a galería de fotos en Facebook.