20181031 1ALI8067

 
• A mostra conmemorou os 25 anos da primeira peregrinación da Fundación Camiño Portugués de Santiago
• O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o presidente da Fundación, Celestino Lores, pecharon hoxe a mostra
• Puidéronse ver fotografías da Ruta e obras de Sonia Ares, José Conde, Camilo Seira, Fran Riveiro e Amipa

 

20181031 1ALI8076Alumnado de 3º e 6º de Primaria do colexio público de Urdilde foron esta mañá os últimos visitantes da exposición Artesanía e Camiño no edificio multiusos de Rois. Con esta iniciativa, o Concello de Rois e a Fundación Camiño Portugués de Santiago queren conmemorar os 25 anos da primeira peregrinación que fixo a Fundación en 1993 e que, anos despois, permitiría o recoñecemento oficial desta Ruta.

O presidente da Fundación, Celestino Lores, agradeceu a colaboración do Concello de Rois, especialmente a implicación do tenente de alcalde Manuel dos Santos, para poder levar a cabo esta iniciativa, na que se puideron contemplar fotografías de diferentes localidades do Camiño Portugués a Santiago, e tamén obras de arte feitas por artesáns de Rois. Como recordo, Lores entregoulle ao alcalde un exemplar do libro ‘El Camino Portugués y la gastronomía’. Pola súa banda, o alcalde, Ramón Tojo, regaloulle ao presidente da Fundación a figura dun peregrino “en agradecemento polo agarimo e colaboración na difusión do Camiño Portugués de Santiago”.

Durante a visita dos escolares, Celestino Lores fixo un percorrido pola mostra fotográfica, dende Lisboa ata chegar á Catedral de Santiago, diante de cuxa imaxe se fixeron unha fotografía o alumado de 6º e o propio Lores.

Ademais das fotos, na exposición puidéronse admirar xoias de Sonia Ares, ourive e vidreira afincada en Rois; do escultor Camilo Seira; cadros de Fran Riveiro e obras feitas polos artistas da Asociación Amipa, así como esculturas do canteiro José Conde, do cesteiro José Luis e de Fraguar Forja Artística, todos eles residentes en Rois.

Celestino Lores recordou que esta iniciativa xurdiu do recente contacto que mantiveron co tenente alcalde Manuel dos Santos, cando este se achegou ao pazo do Faramello para selar as credenciais dos participantes na peregrinación que conmemoraba “a primeira que fixen a Santiago hai 25 anos, cando naceu a Fundación e empezamos a reivindicar o recoñecemento oficial do Camiño Portugués”.

 

Este domingo, no Reino Unido

Despois de clausurar a mostra en Rois, Celestino Lores viaxará esta ponte ao Reino Unido para pechar tamén outra exposición na catedral de Worcester, localidade situada a 48 km ao suroeste de Birmingham, a segunda cidade do país por volume de poboación.

Nesta catedral anglicana, a Fundación Camiño Portugués a Santiago montou a exposición ‘Camiño e camelia’ con cadros do pintor pontevedrés Alex Vázquez.
Segundo explicou Celestino Lores hoxe en Rois, na catedral de Worcester está enterrado o primeiro peregrino inglés que fixo o Camiño de Santiago.