Posteriormente visitaron o instituto Náutico, un centro de FP no que, ademáis de formar a futuros capitáns de barco tamén ten unha rama para recuperar as embarcacións tradicionais venecianas. Aquí, o concelleiro Manuel Cobas, o director da Escola Municipal de Música, Manuel Villar, e o director de Chorima, Olimpio Inglesias, foron convidados a entregar os diplomas de competencias aos alumnos que remataron este curso. O máis importante da xornada chegou pola tarde, cando a comitiva galega e as familias italianas que se involucraron neste intercambio participaron nunha cea de confraternidade na que cada quen aportou comida típica da súa terra. Manuel Cobas, Manuel Villar e Olimpio Iglesias foron os encargados de preparar o queixo, xamón, sardiñas, zamburiñas e a tarta de Santiago, que causaron sensación entre os italianos. Pequenos e maiores participaron en animadas conversas e en diferentes xogos, ata que os integrantes de Chorima comezaron a interpretar algúns temas da música tradicional galega, ante o que a maioría dos asistentes se animou a bailar.