As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán a cativada de Rois o próximo venres 5 de xaneiro. Diferentes entidades de veciños colaborarán co Concello neste día tan especial axudando a amenizar a espera con actividades e coa degustación de doces.

Como xa é tradición, os Reis volverán percorrer cada unha das parroquias do municipio para saudar persoalmente a todas as nenas e nenos e recoller as cartas que aínda queden sen mandar.

A AVV Xuventude de Augasantas ofrecerá a partir das 11.00 horas unha chocolatada e talleres para a veciñanza mentres agardan o paso da comitiva real, prevista para as 12.30 horas, e no local social de Codeso, ás 15.00 horas, haberá merenda e sorpresas a cargo da veciñanza parroquial e da Asociación de Mulleres rurais de Ermedelo.

En Urdilde, dende as 15.45 horas, a Comisión de festas instalará un taller de pintacaras ao tempo que ofrecerá diversos petiscos, e en Costa a chocolatada correrá a cargo da Asociación de Veciños o Travadoiro no local social ás 16.30 horas.

En Herbogo tampouco faltarán unha boa merenda e un contacontos ás 17.15 horas, e en Seira, dende as 17.45 horas, a Asociación de Veciños San Lourenzo recibirá aos Reis con chocolate e música.

A comitiva das Súas Maxestades sairá do campo da festa de Rois ás 10.45 horas pasando por Buxán, Leroño, Aguasantas, Ermedelo, Urdilde, Costa, Herbogo, Seira, Sorribas (18.15 h.), Ribasar (18.45 h.) e Oín, onde as 19.30 horas levarase a cabo unha ofrenda na igrexa parroquial.

A xornada rematará coa visita dos Reis Magos ao polideportivo de Rois para asistir á recepción oficial e sumarse á festa que, dende as 18.30 horas, entreterá a espera dos pequenos con música, xogos e talleres. A recepción oficial está prevista para as 20.00 horas e haberá agasallos para a cativada e poderase gozar en familia de rosca e de chocolate. Será un fin de festa marabilloso de cara a noite máis máxica do ano.

O Concello de Rois organiza esta comitiva de Reis Magos grazas á colaboración da Deputación da Coruña, Protección Civil, Asociacións Municipais, OSC, Autocares Bustelo e Make Up Charo Ramos.