O serán da lingua converteu o campo da festa de Rois nun punto de encontro interxeracional onde a música e os xogos populares entretiveron as persoas asistentes chegadas tanto de diferentes parroquias de Rois como de concellos veciños.
A música correu a cargo das agrupacións locais OCT Chorima, Repeniqueiras de Urdilde, Pandeireteiras de Ermedelo e Cantareiras das amas de casa de Rois; e das veciñas A. C. Rosalía de Castro de Padrón e a Escola de música e baile tradicional de Brión.
A Madana do Grove, empresa experta en xogos populares, encargouse de ir explicando a grandes e pequenos os trinta e dous xogos cos que todo o mundo gozou. A oferta incluía xogos de mesa, o billar xaponés, a carreira de autos tolos ou o xogo dos números colgados; xogos de lanzamento como o da zoca ou o do parrulo; xogos colaborativos como o labirinto; ou os zancos e as bicicletas de madeira.
A xornada rematou con todas as persoas asistentes tocando e cantando o himno galego e cun riquísimo chocolate con rosca ao que ninguén foi quen de se resistir.
Como xa vén sendo tradición, a artesanía de AMIPA tamén estivo presente nos agasallos en forma de cuncha de zamburiña decorada con motivos musicais que as persoas integrantes das diferentes agrupacións levaron como lembranza deste serán.
O Concello de Rois agradece a implicación e colaboración de todas as persoas participantes nesta actividade, coa que arranca a programación Rois no camiño das Letras Galegas.