A Consellería de Educación acaba de convocar os exames encamiñados a obtención tanto dos carnés como de calquera outra habilitación profesional necesaria no ámbito da seguridade industrial. Este ano as probas realizaranse en dúas convocatorias.
A orde da Consellería de Educación saíu publicada no DOG do luns 4 de febreiro (preme aquí), no que figuran os requisitos necesarios para poder presentarse. As solicitudes para a primeira convocatoria deberán presentarse entre o 18 de febreiro e o 1 de marzo, mentres que para a segunda convocatoria, as datas fixadas son dende o 1 ao 12 de xullo, ambos incluídos. Preferentemente, as solicitudes deberán presentarse por vía electrónica, segundo recolle o DOG.
Na primeira convocatoria, os aspirantes poderán obter os carnés profesionais
- Carné profesional de operador/a de guindastre torre.
- Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.
E as habilitacións profesionais:
- Operador/a industrial de caldeiras.
As especialidades obxecto da segunda convocatoria son as seguintes:
Carnés profesionais:
- Carné profesional en instalacións térmicas de edificios.
- Carné profesional de operador/a de guindastre torre.
- Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.
- Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.
Habilitacións profesionais:
- Operador/a industrial de caldeiras.
- Instalador/a de gas, categoría A.
- Instalador/a de gas, categoría B.
- Instalador/a de gas, categoría C.
- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.
- Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.
- Reparador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.
- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.
- Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.
- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.
- Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.