O alcalde de Rois visitou onte a unha das veciñas centenarias do municipio, neste caso na parroquia de Sorribas, para agasallar á Dorinda Leboráns Barreiro polo seu 102 aniversario. Acompañado polo concelleiro Manuel Cobas, Ramón Tojo levoulle entregoulle unha carta de felicitación, un ramo de flores e un pequeno agasallo.

Dorinda Leboráns Barreiro acaba de facer 102 anos, e celebrouno cunha festa na súa casa da Meana, a antiga taberna de Casimiro, onde segue vivindo coa súa filla Teresa Castiñeiras. A pasado fin de semana viaxaron ata a casa familiar Dorinda e José, os outros dous fillos da centenaria, xunto a algúns dos seis netos aos que quere moito.

Dorinda segue gozando de boa saúde e un bo apetito, como recorda Teresa. “Fai moito exercicio coas pernas para manterse en forma, e sempre que fai sol prefire estar fóra. Almorza, xanta e logo sae tomar o sol”, engade a filla.

Dorinda agradeceu a visita do alcalde, que agarda poder volver o ano que ven con outra sorpresa.