O campamento de verán continúa en Rois neste mes de agosto despois de pechar con grande éxito as dúas quendas de xullo. A segunda quincena do mes pasado, os participantes do Diververán continuaron aprendendo sobre os lugares, a historia e as tradicións do noso concello coa personaxe mitolóxica do Porviso e tamén tiveron tempo para xogar, bañarse ou facer excursións.
Máis de 150 nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, distribuídos por grupos de idade no colexio do Pumar e en varios locais de Rois por mor das obras no CPI dos Dices, desenvolveron un estenso programa de actividades que ten este ano ao Porviso, un trasno tradicional de Rois, como fío condutor. Axudalo a buscar os catro elementos (lume, agua, terra e aire) serve como escusa para que os escolares poidan coñecer Rois dun xeito diferente.
Pequenas e pequenos visitaron artistas do municipio, participaron nunha experiencia de intercambio xeracional ou coñeceron distintos espazos de interese, desprazándose mesmo a concellos limítrofes como o Monte Muralla para gozar das súas impresionantes vistas. Na liña de aprendizaxe, recibiron a visita dos bombeiros e tiveron a oportunidade de asistir ao obradoiro Ti si que es un bo peixe, co que a Consellería de Mar pretende potenciar o consumo de peixes e mariscos nos concellos de interior.
As manualidades, a cociña e os xogos deportivos contáronse entre os preferidos dos escolares participantes, que mesmo puideron combater a calor con guerras de auga, tobogáns de escuma e baños na piscina ou na praia fluvial de Seira.