As escolas deportivas e culturais do Concello de Rois botan o peche deste curso 22/23 o mércores 21 de xuño cunha gran festa na que haberá exhibicións de varios deportes, exposicións de traballos realizados, entrega de diplomas e actuacións. A xornada, á que están convidadas todas as persoas que queiran asistir, finalizará cunha merenda para a cativada.

As festas de fin de curso das actividades municipais infantís iniciaranse ás 10.30 horas no pavillón de Urdilde. Durante a mañá, nenas e nenos serán os protagonistas de exhibicións de judo, tenis e patinaxe artística. Tamén se poderá ver unha exposición fotográfica cos traballos que se fixeron nas aulas de cociña e informática. A mañá pecharase coa entrega de diplomas e dun doce artesanal para o alumnado.

Pola tarde, a festa continuará no pavillón de Rois dende as cinco da tarde con exhibicións de ximnasia rítmica, tenis, baloncesto, baile, judo e patinaxe artística, despois das cales se procederá á entrega de diplomas ás nenas e nenos que asistiron ás escolas.

Xa no auditorio municipal, e a partir das sete, o público poderá gozar coas actuacións dos grupos da escola de inglés e a obra Por arte de maxia a cargo da compañía de teatro municipal Vacalouras. Ademais, xogaranse varias partidas simultáneas de xadrez.

Así mesmo, recibirán os seus diplomas as nenas e os nenos asistentes ás actividades de ArroRois, teatro, cociña, mecanografía e arte e poderanse ver as exposicións do multiobradoiro de arte e creatividade, de animación á lectura de ArroRois e fotografías dos traballos de mecanografía e cociña.

Unha merenda para a cativada poñeralle a guinda ás festas fin de curso 22/23 das escolas deportivas e culturais do Concello de Rois.