Cartel do DiverNadal 2025

O Concello de Rois pon en marcha unha nova edición do programa de conciliación DiverNadal, que se desenvolverá entre o 22 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026 cubrindo todas as vacacións escolares. A gran novidade deste ano é o pagamento por días, o que permitirá que as familias fagan uso do servizo naquelas xornadas no que o necesiten.

Como en anos anteriores, Divernadal desenvolverase en Rois e Urdilde e está dirixida a nenos e nenas escolarizados/as a partir de 4º de educación infantil. O programa ofrece un horario principal de 9.30 a 14.30 horas e un servizo de Amencer de 7.30 a 9.30 horas para aquelas familias que precisen ampliala.

O período de inscrición estará aberto ata o mércores 10 de decembro. Para inscribirse é necesario cubrir o formulario dixital dispoñible na páxina web municipal www.rois.gal a través da pestana de Xestións e trámites -> Formulario de trámites ou premendo nesta ligazón. As prazas son limitadas e terán preferencia os menores empadroados en Rois, así como aqueles cuxas familias acrediten necesidades de conciliación por motivos laborais, formativos, de discapacidade, coidados de persoas dependentes ou participación en procesos selectivos. Tamén terán prioridade as familias usuarias dos Servizos Sociais municipais, previo informe técnico.

Os prezos establécense segundo a ordenanza reguladora vixente: 6 €/día para o horario de 9.30 a 14.30 horas e 6,50 €/día para o horario ampliado de 7.30 a 14.30 horas. O cálculo final realizarase en función do número de días de uso. O programa contempla bonificacións do 15% para a matrícula dun segundo irmán ou irmá, para familias numerosas, monoparentais ou con algún membro familiar en 1º grao cun grao de discapacidade superior ao 33%, así como para aquelas que se inscriban en todos os días ofertados. As bonificacións non son acumulables.

O programa DiveNadal, co que Rois reforza o seu compromiso coa conciliación e o apoio ás familias do municipio, conta co apoio do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia.