-
O alcalde de Rois e os tenentes de alcalde de Padrón e Dodro acudiron hoxe ao acto oficial de inauguración
-
Durante un ano, as dez rapazas formarase na creación de páxinas web e continuarán o traballo iniciado o ano pasado
-
Ramón Tojo: “Tedes a oportunidade de formarvos e loitar polo voso futuro. Aproveitádea, ides deixar pegada”
As dez mozas seleccionadas para participar no obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2020 encargaranse durante os vindeiros meses de ampliar a páxina web Coñece Terras de Iria (pódese ver neste enlace), comezada a deseñar polos participantes do curso de formación que rematou o pasado mes de marzo. O alcalde de Rois e os tenentes alcaldes de Padrón e Dodro inauguraron hoxe oficialmente a presente edición nun acto no que Ramón Tojo animou ás participantes a “esforzarse para aproveitar esta oportunidade de formarvos e loitar polo voso futuro”. “As novas tecnoloxías son o presente, aproveitade este curso, no que de seguro ides deixar pegada”, animounas.
O obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2020, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade e polo Fondo Social Europeo cun total de 230.932,70 euros, permitiralle a estas dez mozas menores de 30 anos (4 de Rois, 4 de Padrón e 2 de Dodro) aprender durante un ano deseño de páxinas web mediante un contrato de prácticas e formación polo que percibirán o salario mínimo interprofesional.
Na presentación, a directora deste obradoiro Xuventude en Acción 2020, Eva Diéguez, recordou o traballo desenvolvido na edición do pasado ano, que rematou no mes de marzo con quince días de antelación debido á pandemia da covid-19.
Os mozos e mozas que participaron na edición anterior desenvolveron a páxina web Coñece Terras de Iria, na que se recollen datos da historia, cultura e patrimonio dos tres concellos que forman Terras de Iria: Rois, Padrón e Dodro.
No caso de Rois, na web ofrécenos a posibilidade de escoitar cancións do libro Foliada en Rois. Terriña… A nosa’, con cancións dende os anos corenta de diferentes formacións musicais. Tamén recolle unha recompilación das fotografías da exposición Aloitadoras, que se inaugurou o Día Internacional da Muller, ou documentación sobre a ruta das Penicias.
No caso de Padrón pódense descargar, en formato PDF, todos os libros da festa de Pascua, dende 1926 ata 2010.
Portal de emprego
Durante o pasado curso tamén se creou o Portal de Emprego Terras de Iria (ver neste enlace), no que aparece un directorio coas principais empresas da comarca; recursos relacionados coa empresa e técnicas para mellorar a búsqueda de emprego.
Nestas dúas páxinas web seguirán traballando as dez mozas que participan no Obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2020. A intención é que unha vez rematados os dous portais, queden aloxados definitivamente na páxina web Terras de Iria ou nun hosting específico. Ata entón, poderase consultar o traballo do alumnado nestes enlaces:
Unha vez rematen o obradoiro, as dez mozas recibirán un certificado de profesionalidade de nivel 2, que lles axudará a incorporarse ao mercado laboral. Eva Diéguez lembrou que, dos dez participantes no obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2019, tres deles están xa traballando.
Ademais de Ramón Tojo e da directora, asistiron ao acto de inaguración do obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2020 Ángel Rodríguez Conde, tenente alcalde de Padrón; Ramón Abuín Gómez, tenente alcalde de Dodro, e María Jesús Frieiro, profesora de informática do obradoiro.