O Boletín Oficial da Provincia publicou o 24 de novembro a convocatoria de subvencións do Concello de Rois destinadas a asociacións sen ánimo de lucro que leven a cabo actividades culturais, deportivas, veciñais, educativas ou con fins de reinserción social. Estas axudas teñen como obxectivo contribuír ao fomento dos intereses da veciñanza.
O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días naturais, iniciándose hoxe, martes 25 de novembro, e rematando o martes 9 de decembro de 2025. As solicitudes deberán presentarse mediante o modelo establecido no anexo I das bases, podendo entregarse a través do Rexistro Electrónico Xeral do Concello ou por calquera das vías previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015.
Poderán optar ás subvencións aquelas asociacións que cumpran os seguintes requisitos: estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atoparse ao día das súas obrigas contributivas co Concello e ter xustificado correctamente as axudas recibidas en anos anteriores. Así mesmo, deberán non concorrer en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións.
As bases completas da convocatoria poden consultarse no BOP, nesta ligazón. Os anexos e formularios están dispoñibles nos arquivos adxuntos.
Para máis información ou dúbidas, as persoas interesadas poden contactar co Concello no teléfono 981 804 109, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres.

















