• O sábado e domingo, ás 20.00 horas, ofrecen dous concertos que se poderán seguir en directo na páxina de Facebook do Concello

  • Actuarán medio cento de estudantes que alternarán actuacións en directo con vídeos gravados

  • O prazo de matrícula para o curso 2020-21 está aberto ata o 3 de xullo

  • Harmonía e creación musical é a novidade para o vindeiro ano

Escola Municipal de Música de Rois, que xa ten aberto o prazo de matrícula para o vindeiro curso, quere rematar con dous concertos virtuais en directo un ano académico que estivo marcado pola pandemia da covid-19. Esta fin de semana, o sábado e o domingo, ás 20.00 horas, ofrecerá dous concertos que se poderán seguir dende a páxina de facebook do Concello de Rois no que medio centro de estudantes mesturarán actuacións en directo con vídeos gravados para despedir o curso.

O sábado, ás 20.00 horas, actuará o alumnado máis novo da Escola Municipal de Música o que se asomará a fiestra dixital para amosarlle a todos os seguidores os avances no presente curso. Haberá preto de trinta actuacións, unhas en directo e outras gravadas, de violín, canto, piano, batería, guitarra e clarinete.

No concerto do domingo, tamén as 20.00 horas, actuarán outra vintena de persoas, entre alumnado e profesorado, interpretando diferentes obras ao violín, canto, piano, baixo eléctrico, trompeta, batería, acordeón, guitarra e saxofón.

Con estes concertos, desde a Escola de Música quere amosar os avances do alumnado durante este curso, e agradecer o apoio de familias, concello e persoal que fai posible que a música siga tendo un papel protagonista en Rois.

Prazo de matrícula

E para continuar con este traballo, está aberto o prazo de matrícula para todas aquelas persoas maiores de 3 anos que se queiran formar musicalmente durante o vindeiro curso.

Ata o 3 de xullo, as persoas interesadas pódense matrícula na Escola Municipal de Música de Rois, que ofrece harmonía e creación musical como novidade para o vindeiro curso.

A preparación para as probas de ingreso no Conservatorio profesional, concertos didácticos, música e movemento, linguaxe musical, conxunto instrumental e coro son algunhas das ofertas da ESMU de Rois, que dirixe Manuel Villar. Entre os instrumentos que poden tocar os alumnos a partir dos 8 anos están os de vento metal e vento madeira, corda, percusión, piano, baixo e guitarra eléctrica ou acordeón.

A folla de matrícula pódese descargar na páxina web do Concello de Rois (neste enlace). Unha vez cuberta a solicitude e pagadas as taxas correspondentes, deberán remitirse por correo electrónico ao enderezo correo@rois.es ou entregalas nas dependencias municipais.

Rois ESMU web