A Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois, que xa ten aberto o prazo de matrícula para o vindeiro curso, quere rematar o presente ciclo 2021-2022 cos Concertos de solistas. En total haberá dous recitais protagonizados polo alumnado da escola nas distintas disciplinas musicais.

A primeira das actuacións terá lugar o vindeiro domingo, 19 de xuño, ás 20.00 horas, no campo da festa de Rois. No transcurso do mesmo actuará tamén o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, que presentará o seu novo espectáculo Solsticio de Invernío. O segundo dos concertos será unha semana despois, o domingo 26, tamén ás 20.00 horas, pero nesta ocasión desenvolverase no Auditorio municipal. As actuacións están abertas ao público en xeral e son gratuítas.

Co desenvolvemento destes concertos, a Escola de Música quere amosar os avances do alumnado durante o presente curso, agradecer o apoio das familias, do Concello e do persoal que fai posible que a música siga tendo un papel protagonista en Rois.

Aberta a matrícula para o curso 22-23

Precisamente para continuar con este traballo, está aberto o prazo de matrícula para todas aquelas persoas maiores de 3 anos que se queiran formar musicalmente durante o vindeiro curso 2022-2023. Deste xeito, as persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 30 de xuño.

Cómpre subliñar que a ESMU de Rois ten uns prezos moi accesibles: 20 euros pola matrícula anual e os prezos por disciplinas oscilan entre os 15€/mes, por exemplo en música e movemento para nenos de 3 a 8 anos; ata os 35€/mes no caso de matricularse en instrumento máis linguaxe musical.

Para inscribirse é preciso cubrir o formulario de inscrición na páxina web do Concello de Rois (enlace ao formulario en liña) e, unha vez cumprimentado, remitilo no apartado Finalizar trámite ou envialo ao enderezo electrónico correo@rois.gal.

Xunto coa ficha de matrícula cómpre entregar:

  • DNI (ou libro de familia)
  • 1 foto tamaño carné
  • Orde de pagamento (Descargar aquí)
  • Xustificante de pagamento de matrícula (20 euros). Número de conta: ES64 2080 0328 9631 1000 0060)

A documentación tamén pode presentarse de forma presencial nas oficinas do Concello de Rois.

A selección horaria farase por orde de rexistro.

A preparación para as probas de ingreso no Conservatorio profesional, concertos didácticos, música e movemento, linguaxe musical, conxunto instrumental e coro son algunhas das ofertas da Escola Municipal de Música de Rois, que dirixe Manuel Villar. Entre os instrumentos que poden aprender a tocar os alumnos a partir dos 8 anos están os de vento metal e vento madeira, corda, percusión, piano, baixo eléctrico, guitarra eléctrica, acordeón, batería ou mesmo canto, entre outros. E, dende o curso 2022-21, impártese tamén Harmonía e creación musical, dirixida a maiores de 12 anos.