O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e unha representación da Comunidade de veciños de Angueira de Castro, da parroquia de Ribasar, reuníronse esta mañá na Consellería de Economía, Emprego e Industria co director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, para reiterarlle a solicitude de que se modifique o trazado la liña de alta tensión Lousame-Tibo ao seu paso por Rois para que non afecte nin ao Castro Lupario nin ao núcleo de Angueira de Castro.
Dende a Comunidade de veciños de Angueira de Castro amósanse satisfeitos pola boa acollida dos argumentos expostos, e xunto co alcalde, cualificaron de positiva a xuntanza. Ademais de expor a problemática que supón o paso da liña de alta tensión, tanto o alcalde como os veciños destacaron a predisposición do director xeral e da subdirectora para tratar de resolver a problemática presentada.
A veciñanza de Angueira de Castro fixo especial fincapé no alto valor cultural, arqueolóxico e etnográfico do Castro Lupario e da súa contorna, e puxeron enriba da mesa varios proxectos ben interesantes para fomentar este conxunto de gran valor. O alcalde apoiou as iniciativas veciñais e volveu reiterar a predisposición do Concello de Rois para recuperar o Castro Lupario e o seu entorno, para poñer en valor o patrimonio que herdamos dos nosos devanceiros