Representantes do Concello de Rois e veciños do municipio compartiron onte unha cea con voluntarios e coordinadores que durante estas dúas semanas estiveron facendo traballos de limpeza no Castro de Socastro, como integrantes do campo internacional de traballo que promoveu a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

Antes da cea, tanto o exciclista Suso Blanco Villar, veciño de Socastro, como o presidente da Comunidade de Montes de Casas Novas, Espai e Rubieiro, Andrés Eiras, manifestaban os seus desexos de que se poidan continuar as escavacións arqueolóxica no Castro de Socastro para poder contemplar algunhas das edificacións que forman parte deste enclave celta.

Na cea, celebrada na cafetería de Galipark, participaron os concelleiros Manuel Cobas e Victoria Quiroga, veciños e veciñas de Rois, os voluntarios que traballaron no castro e a directora do campo de traballo, Pilar Lago, e representantes das comunidades de montes de Socastro e de Casas Novas, Espai e Rubieiro.

Andrés Eiras está barallando a posibilidade de organizar unha exposición co material que xa se atopou no Castro de Socastro durante este dez anos que se leva traballando na zona. “Queremos que toda a veciñanza poida coñecer o que se atopou e o que hai neste castro. Esperamos que se poidan continuar as escavacións, porque o que temos aí é moi importante para o concello”, asegurou Eiras. Os terreos do castro están localizados nunha zona na que actualmente teñen propiedades tanto a comunidades de montes de Socastro e a de Casas Novas, Espai e Rubieiro.

Do mesmo xeito se manifestou Suso Blanco Villar, quen tamén espera que se retomen as escavacións arqueolóxicas para deixar á vista algunhas das construcións e habitáculos que formaron este enclave Celta. “Sería moi importante non so para recuperar o noso patrimonio, senón tamén para fomentar o turismo na zona”, dixo.

Dende principios de agosto, dúas mozas rusas, e outros dez procedentes das comunidades autónomas de Andalucía, Cataluña, Castela e León, Madrid, Murcia, Navarra e Galicia estiveron facendo labores de limpeza na zona circundante do Castro de Socastro, e tamén limpando a zona da canteira, por si aparece algún outro petroglifo máis. Todos eles coincidiron en que “a experiencia foi moi interesante” e que lles gustaría volver a participar neste actividade en anos sucesivos, aínda que recoñecen “que é moi difícil que nos volvan a conceder unha praza”.

O pasado mércores, durante a visita que fixeron o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, o arqueólogo que coordina os traballos neste campo de traballo, David Fernández, indicou que nas escavacións que se levan feito durante os dez anos que se ven traballando neste castro “atopáronse materiais procedentes de África e do Mar Exeo, apareceu tamén algunha tella con escritura, polo que pensamos que neste enclave vivía xente dun nivel alto”.

Nestas escavacións xa se atoparon a que está considerada como porta principal de acceso á croa (a parte superior do castro), ou un forno cerámico nun espazo habitacional que está datado no século II antes de Cristo.

Os restos dunha casa, co tellado colapsado no interior, e o chan de terra batida, construída sobre outra casa da época romana, “fai pensar que este castro estivo habitado de forma continuada ata o século IV despois de Cristo”, o que da unha idea da importancia do traballo que o Concello de Rois ven promovendo dende hai dez anos para poñer en valor este enclave celta e potenciar, deste xeito, o patrimonio do municipio. Neste castro, que estivo habitado durante uns 600 anos, puideron chegar a vivir ata 400 persoas, en opinión de David Fernández.