
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, asinaron esta mañá no salón de plenos o convenio de colaboración para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), no núcleo de Sorribas, por preto de 325.000 euros, co obxectivo de mellorar o saneamento nesta localidade.
Segundo o convenio asinado hoxe, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, aportará o 80% do orzamento necesario e o Concello, o 20% restante. Este proxecto será financiado ao abeiro do Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader).
Durante o acto de sinatura, Ángeles Vázquez explicou que a previsión é que esta nova infraestrutura estea rematada no segundo semestre do vindeiro ano 2026 e que dea servizo a unha poboación de preto de medio cento de veciños.
En concreto, construirase unha nova EDAR, que contará cos seguintes elementos: pretratamento, fosa séptica soterrada e humidal de fluxo subsuperficial. A maiores, tamén se acometerán as obras de dous colectores, e os seus respectivos pozos de rexistro.
Ramón Tojo salientou que esta obra representa “un avance significativo” no “compromiso co desenvolvemento sostible” do goberno local de Rois para coidar o medio natural.
O alcalde resaltou a colaboración e o traballo conxunto que mantén o Concello de Rois coa Xunta de Galicia para “mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Neste senso, lembrou que o pasado mes de decembro se poñía en marcha a depuradora de Urdilde, e agora asínase o convenio para facer a de Sorribas. “Estas dúas actuacións supoñen máis dun millón de euros de investimento”, explicou Ramón Tojo, que agradeceu a implicación da conselleira Ángeles Vázquez.

No acto tamén estivo presente o director de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón, e a directora territorial da consellería na Coruña, Pilar Arias Graña, así como membros do goberno local e veciños de Sorribas.
Roi Fernández explicou que as obras executaranse en dúas anualidade, comezando neste o proceso de licitación e rematando os traballos en 2026. O Concello comprométese a aportar os terreos e as autorizacións necesarias para que Augas de Galicia redacte o proxecto e execute as obras, que teñen por obxectivo implantar un sistema de depuración adecuado en Sorribas. Os traballos obxecto deste convenio serán cofinanciados pola Unión Europea a través do Feader, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC9).
Colaboración entre administracións
Ángeles Vázquez tamén puxo en valor a colaboración entre diferentes administracións, ao asegurar que aínda que a prestación dos servizos de saneamento é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.
Nesa liña, Augas de Galicia conta este ano 2025 cun orzamento de 144 millóns de euros, un 5% máis que o exercicio anterior, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

















