O patio de butacas do auditorio municipal de Rois quedouse pequeno este domingo para acoller a todas as persoas que asistiron ao Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música, que comezou e rematou cunhas populares panxoliñas. A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e o de Medio Ambiente, Manuel Cobas, asistiron ao mesmo.

A cativada máis nova que asiste as clases de Música e Movemento foi a encargada de inaugurar este tradicional Concerto de Nadal coa interpretación do popular Navidad. A emoción era patente entre o público, sobre todo entre os pais e nais dos 16 artistas que estaban sobre o escenario.

Moi aplaudidas foron tamén as actuacións do Coro Peques do Ensemble de Cellos e do combo dos martes. O director da ESMU, Manuel Villar, anunciou entón unha das sorpresas do concerto, a actuación do conxunto de alumnado e profesorado que o pasado mes de novembro participou no intercambio en Portugal coa Academia de Música de Santo André (AMSA), no municipio de Santiago do Cacém.

O grupo interpretou seis temas, e rematou a actuación coa canción portuguesa É p’ra Amanha que están a preparar para cando no vindeiro mes de abril a delegación da AMSA visite Rois na segunda parte deste intercambio.

A Orquestra de Cordas apostou nesta ocasión por unha Jazz Suite, antes de pechar o concerto xunto co Coro Peques, interpretando e cantando a popular panxoliña Falade ben baixiño.Con este concerto a Escola Municipal de Música, segundo explicou Manuel Villar, desexoulles un Feliz Nadal a toda a veciñanza.