O alcalde de Rois, Ramón Tojo, resaltou o éxito de incorporación ao mercado laboral acadado polo Programa Integrado de Emprego que promoveron os concellos de Rois, Padrón, Dodro e Rianxo. Xa atoparon traballo 45 das cen persoas desempregadas que se formaron dende principios de ano, superando así o 37% de inserción laboral que esixe a Xunta.
O PIE Padrón, Rois, Dodro e Rianxo foi clausurado esta mañá polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; os alcaldes dos catro concellos, Antonio Fernández (Padrón), Ramón Tojo (Rois), Xavier Castro (Dodro) e Gonzalo Muíños (Rianxo); e á que tamén asistiu a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Judit Fontenla. Este Programa Integrado de Emprego foi financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) cun orzamento de 250.000 euros.
Ramón Tojo resaltou tamén o “forte investimento do Goberno na comarca do Sar” para sufragar as diferentes accións formativas que poñen en marcha os concellos. “Levamos proxectos a cabo porque nos unimos para beneficiar a cidadanía. A unión dos concellos tamén se transmite á sociedade”, lembrou. Ademais de felicitar ás empresas, Tojo Lens lembroulle ao alumnado que outra forma de incorporarse ao mercado laboral é converténdose en autónomos.
Gonzalo Trenor destacou a elevada taxa de inserción laboral, dun 45%, que acadou este Plan integrado de emprego, e agradeceu “a colaboración das empresas” que apostaron por contratar ao alumnado que se estivo formando na comarca. Trenor fixo alusión tamén a “necesaria colaboración entre administracións” para poder levar a cabo estas iniciativas, “que contribúen a empregar a moitas persoas porque son flexibles e se adaptan ás necesidades das empresas”.
O alcalde de Padrón resaltou esta mañá o “éxito de empregabilidade” acadado polo Programa Integrado de Emprego que promoveron os concellos de Padrón, Rois, Dodro e Rianxo. “Debemos agradecerlle ás empresas a implicación e as oportunidades laborais que lle ofreceron ao alumnado”, destacou Fernández Angueira, antes de lembrar que nos últimos sete anos a Xunta fixo un investimento de dous millóns de euros para financiar os PIE que ata o de agora promovían Padrón, Rois e Dodro e aos que nesta sétima edición se sumou Rianxo.
Xavier Castro, alcalde de Dodro, agradeceu a colaboración das empresas que acolleron ao alumnado para facer prácticas durante o desenvolvemento da formación e tamén que se animaran a contratar a moitas das persoas participantes no PIE. Castro Tourís lembrou que durante o programa de emprego se fixeron máis de 400 accións de orientación laboral individuais coas persoas participantes e que se desenvolveron máis de 1.000 horas de formación nos sectores industrial, agrario, hostaleiro, alimentario, do metal e do téxtil.
Pola súa banda, o alcalde de Rianxo, Gonzalo Muíños, trasladoulles tamén o agradecemento ás empresas colaboradoras que fixeron posible acadar os éxitos de empregabilidade do PIE. “Sen o apoio e a xenerosidade das empresas non teriamos tanto éxito”, dixo.
Novo PIE para 2023
O vindeiro ano 2023 a Consellería de Emprego e Igualdade manterá o programa integrado de emprego na comarca do Sar, aínda que nesta ocasión van participar seis concellos. Aos de Padrón, Rois, Dodro e Rianxo que participaron este ano sumaranse tamén Pontecesures e Valga para formar outras cen persoas desempregadas.
9,1 millóns para 79 cursos de formación na comarca de Santiago
Durante a súa intervención, Gonzalo Trenor anunciou que a Xunta financiará con 9,1 millóns de euros un total de máis de 79 cursos formativos, que se impartirán en 2022 e 2023, para persoas sen emprego da comarca de Santiago no marco dos plans integrados de emprego (PIE), plan AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas), e obradoiros de emprego.
Trenor explicou que na área de Santiago impartiranse 8 plans integrados de emprego, 63 AFD e 9 obradoiros que formarán case 2.000 persoas sen emprego cun investimento de máis de 9,1 millóns de euros.
Así mesmo, dixo que o Goberno galego reforzou a convocatoria 2022-2023 cun 2% máis de orzamento que na edición anterior. Isto permitirá un investimento de 10.268.000 euros e a posta en marcha de 41 plans para formar e incrementar as oportunidades laborais dunhas 4.100 persoas desempregadas.