Case 200 persoas participaron este sábado 10 de xuño, no polideportivo de Urdilde, no xantar de clausura das actividades municipais organizado polas asociacións de mulleres de Rois, Urdilde e Ermedelo en colaboración co Concello de Rois.

No acto participaron a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, xunto a María Boullón, da Asociación de Mulleres Rurais San Martiño de Ermedelo, María Teresa Martínez Eiras, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, e María José Lamas, da Asociación de amas de casa de Rois.

A edil agradeceu o apoio do alumnado nas actividades incluídas dentro da programación municipal nas áreas de Deporte, Cultura e Servizos Sociais e Emprego. Victoria Quiroga tamén subliñou o “orgullo de contar con tanta participación e implicación, un feito que supón unha motivación para seguir traballando e responder ás demandas e ás necesidades da veciñanza”.

A concelleira de Cultura de Rois amosou o seu agradecemento “ás asociacións do concello por facer posible todo o noso quefacer ano tras ano”. As actividades para persoas adultas contaron este ano con diferentes propostas como as clases de pandeireta e de labores.

Todas as persoas asistentes ao xantar celebrado este sábado desfrutaron dunha xornada de festa na que non faltou o baile.