
Cipriano Neo Vázquez, de Casa Benjamín, e Juan José Santana, do Bar Muelle, sorprenderon na entrega de premios do concurso de tapas Rois nun bocado ao anunciar que cedían o importe dos premios que lle correspondían polo segundo e terceiro premio, respectivamente. Cipriano Neo regaloulle os 250 euros aos Servizos Sociais municipais, e Juan José Santana entregoulle á Asociación Amipa os 150 euros do terceiro premio. Lorena Agrafojo fixo o mesmo e entregoulle a Amipa os 100 euros do vale que lle tocou no sorteo.
O Concello de Rois organizou este primeiro concurso de tapas para promocionar a hostalería e a gastronomía local. Un concurso que foi todo un éxito pola “cantidade de xente que se achegou ata os oito locais participantes”, como recoñeceron os propios hostaleiros. A entrega de premios celebrouse no salón de plenos, presidida polo alcalde Ramón Tojo, e as concelleiras Mercedes Basante e Victoria Quiroga. A mesma asistiron tamén membros do goberno municipal.
Santiago Tarrío, da Taberna Angueira, recolleu os 300 euros por presentar a mellor tapa coa sua Montaña de ouro. Tarrío agradeceu “a iniciativa do Concello e o traballo que todas as persoas que están detrás, tanto da organización como na cociña dos establecementos” e animou a seguir nesta liña “porque Rois si que é de tapas”, afirmou.
Todas as fotos da entrega de premios do concurso de tapas na páxina de Facebook do Concello de Rois

A tapa de Casa Benjamín, un solombo de porco á mostaza antiga en tempura, cuberto de algas wakame en cama de puré de castañas, foi a segunda máis votada. Cipriano Neo tamén agradeceu a iniciativa municipal, “que trouxo moita xente a Rois, incluso de fóra da zona” e felicitou a todo o persoal dos establecementos e do Concello que traballaron neste concurso. “Rois está nun nivel altísimo en hostalería”, asegurou. Cipriano Neo anuncio que Casa Benjamín cedíalle os 250 euros cos que está dotado este segundo premio aos Servizos Sociais municipais.
O terceiro premio correspondeulle ao Bar Muelle, que presentou como tapa unha costela a baixa temperatura. Juan José Santana agradeceu unha iniciativa “que axuda moito ao pequeno comercio e a hostalería” e tamén anunciou que lle cedía os 150 euros do premio a Asociación Amipa.
No acto tamén se entregaron os tres vales de 100 euros que se sortearon entre todas as persoas que acudiron a degustar as tapas e participaron na votación para elixir a mellor (tiveron que acudir e selar o seu pasaporte nun mínimo de tres establecementos en dúas zonas diferentes). As persoas afortunadas no sorteo, todas elas de Rois, foron Patricia Ces (recolleu o vale o seu compañeiro do grupo municipal socialista Manuel Regueira), Lorena Agrafojoe Miguel Ramón Rodríguez. Lorena Agrafojo tamén lle regalou os 100 euros do seu premio á Asociación Amipa.
Mercedes Bastante, tenente de alcalde e concelleira de Asuntos Sociais, agradeceu o regalo de Cipriano Neo, “que os Servizos Sociais do Concello van utilizar para axudar ás familias máis vulnerables de Rois”.
Begoña Suárez, directora xerente da Asociación Amipa, tamén agradeceu a doazón de Juan José Santana e de Lorena Agrafojo.

Entrega de premios do Concurso de tarxetas de Nadal
O martes 23 foi día de entrega de premios no Concello de Rois. Rematado a entrega dos galardóns do concurso de tapas, Ramón Tojo e Victoria Quiroga entregáronlle os agasallos e os diplomas acreditativos aos nenos e nenas que gañaron o Concurso de tarxetas de Nadal que organizou o Concello. O acto celebrouse tamén no salón de plenos.
O premio ao alumnado de 1º a 3º de educación infantil da Galiña Azul de Rois recolleuno unha nai co seu fillo en representación dos autores da postal. Noelia Mariño, de 6º de infantil do CPI Os Dices, recolleu o premio como gañadora da categoría B, e Anxo Fabeiro Domínguez, de 2º de primaria do CPI Os Dices, foi o gañador da categoría C.
Alice Cardama Vigo, alumna de 4º de primaria nos Dices, recibiu unha ovación especial, xa que ademais de gañar na categoría D, a súa postal foi elixida polo xurado como a felicitacións institucional que o Concello de Rois enviou este ano a todos os fogares do municipio.
Emma Bralo Pérez, de 6º de primaria nos Dices, gañou na categoría E, e Joel Caravaca Castro, de 4º de infantil dos Dices, foi o gañador na categoría F, na que participou o alumnado coa colaboración de persoas adultas.A petición dunha participante, dende o Concello estudiará a posibilidade de abrir o concurso ao alumnado da ESO en vindeiras edicións deste certame.
Todas as fotos da entrega de premios do concurso de tarxetas de Nadal na páxina de Facebook do Concello de Rois
















