• Presentáronse preto de trinta propostas nas distintas modalidades

  • As persoas premiadas poden pasar polo Multiúsos a recoller o seu vale para gastar no comercio local

  • Os demais participantes levarán un agasallo de A fiestra dos doces

 

A orixinalidade, o inxenio, a elaboración e a posta en escena son algúns dos aspectos que valorou o xurado para elixir este luns os quince vídeos gañadores do I Concurso de Entroido en Liña de Rois, ao que se presentaron preto de trinta divertidas propostas pendurando os seus traballos no Facebook do Concello.

O certame virtual, que este ano substituíu o tradicional desfile por causa da pandemia, repartía un total de 1.250 euros en premios, que, tamén como novidade e para contribuír a reactivación económica, se outorgan en vales para gastar no comercio local roisense.

Establecéronse tes modalidades -individual, por parellas conviventes e por grupos conviventes- e, dentro delas, varias categorías por idades. En cada categoría de individual outorgáronse dous premios, o primeiro dotado con 40 euros e o segundo con 30. En canto a parellas, déronse tamén dous premios, con 60 euros para o gañador e 40 para o subcampión. Xa en grupos, premiouse os tres primeiros clasificados, que levaron respectivamente 300, 200 e 100 euros cada un.

Comezando polas persoas máis miúdas da casa, que concursaban en individual dos anos 2018-2021, obtivo o primeiro posto a pequena Mariana disfrazada de Carmen Miranda e quedou segunda Martina Maquieira, que se presentou como Náufraga.

En persoas nadas entre os anos 2015-2017, acadou o primeiro premio Marco Maquieira disfrazado como unha Botella de Agua. Quedou por detrás Saúl Vidal, convertido en Caracol.

Breixo Cerqueiras, con o Rico Churro, impúxose na categoría dos anos 2009-2014. Segunda quedou Noa Bustelo, coa súa interpretación da Betty da Familia Mármol.

Para rematar individual, nas persoas nadas ata 2005, Sonia Ares conquistou o primeiro premio como Fada dos Montes, e José Iván Bustelo fíxose co segundo como A máscara que liscou de verbena.

Xa na modalidade de parellas, Hugo e Idaira Vilariño Maseda impuxéronse na categoría sub’21 (as idades dos participantes non podían pasar dos vinte anos) con A dama da choiva e a gota de auga. Pola súa parte, Paula e Nerea Mayo fixéronse co primeiro posto en sub’31, disfrazadas de Velliñas solteiras. En máis de 31 anos, proclamaráonse campións Hugo e Miguel Dorado, convertidos en Mario e Luigi, mentres María Sóñora e Mario Caset quedaron segundos coa súa Granxa de Zenón.

Por último, en grupos, resultaron vencedores Os Simpson confinados no sofá. As pequenas integrantes de Zumbanacasa, lideradas por Pedro Cerneira, quedaron segundas, e, por último, Os xitanos e a cabra fixéronse co terceiro premio.

Todas as persoas premiadas poden pasar a retirar os seus vales polo Multiúsos de Rois, onde deberán indicar en que establecemento desexan empregalo. Ademais, as participantes que non resultaran premiadas tamén poden recoller no Multiúsos un agasallo que o Concello encargou na empresa local A fiestra dos doces.

O xurado, reunido o martes no Multiúsos de Rois, estivo composto por Natividad Lorenzo, animadora cultural do Concello de Dodro; Alberto Rey, técnico de turismo do Concello de Padrón; e Silvia Viqueira, xornalista da empresa de comunicación Alicentis.