A Escola Municipal de Música de Rois (ESMU) emocionou onte ás máis de cen persoas que asistiron ao concerto conxunto que ofreceu en Letonia coas escolas de música de Malta e Vilani na localidade de Luznava, pertencente ao distrito de Rezekne. A interpretación de Lela, con Katarinna Mélikhova como solista, fixo brotar algunha bágoa entre os presentes.
Durante o primeiro dos catro concertos que vai ofrecer en Letonia a delegación roisense, na que tamén participa alumnado do CPPI Os Dices, interpretou, entre outros temas, Halleluja, de Leonard Coen, Que canten los niños, de José Luis Perales, e Los niños queremos la paz, de Rafael Bermúdez Chiong con arranxos de Anna Mélikhova e Gabriel Miguéns. A actuación conxunta das tres agrupacións rematou coa interpretación don Himno Galego, que se animaron a cantar a directora da escola de música de Vilani, Inta Brence, e o da escola de Malta, Normunds Stekelis.
O de onte foi o primeiro dos catro concertos que ofrecerá a ESMU de Rois neste segundo intercambio en Letonia. Hoxe actuará na localidade Vilani e, mañá, sábado, vai participar no festival que se organiza con motivo do Día do Condado de Rezekne. O último concerto ofrecerano o domingo na localidade rural de Berzgale.
A comitiva roisense, encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e polo director da ESMU, Manuel Villar, chegou o luns a última hora a Riga, a capital de Letonia. Durante estes tres días, visitou Jurmala, a localidade costeira máis turística do país, situada no golfo de Riba, no mar Báltico. O mércores pasou unha mañá divertida no lago Raznas e facendo multiaventura no parque natural do mesmo nome. Pola tarde desprazouse ata Aglona para coñecer a basílica de La Asunción, na que alumnado e profesorado da ESMU e do CPPI Os Dices puideron cantar Dona nobis pachen.
Onte, antes do seu primeiro concerto, coñeceron o museo público de Luznava. Durante a visita guiada o alumnado de piano puido tocar no piano de 1910 que se atopa na planta baixa do museo.